mércores, 28 de abril de 2021

O ARQUITECTO ANTONIO PALACIOS

Por Pepe de Rocaforte

 


A primeira obra que vin de Antonio Palacios (polo menos que garde memoria dela) foi o monumento da Virxe da Rocha en Baiona, para o cal contou coa colaboración de Mariano Benlliure (ou  Ángel García Díez, non se sabe con certeza quen dos dous fixo en mármore branco as mans e o rostro da imaxe). Na casa da miña familia teñen unha foto con miña nai, miña irmá e máis eu subidos ó barco que a virxe leva na man. Tiña daquela seis anos, pero conservo moi vivo o recordo, supoño que gracias a esa foto.

Traio esto a colación despois de ler na prensa unha noticia que informaba da reposición, en realidade non reposición, senón construción dun novo templete idéntico ó anterior, da baixada á estación de “Metro” na madrileña “Red de San Luís”. E eso faime lembrar tamén que houbo unha época na cal pasaba eu a diario por diante dese templete sen ter nin a menor idea de que se trataba dunha obra do arquitecto porriñés.

Tería que ir, moitos anos despois, ó Porriño e ver a obra da Rede de San Luís nun xardín da localidade. Pregunteille entón a algunha xente de alí e informáronme de que a comenzos dos anos setenta do século pasado o alcalde da vila, sabedor da inminente eliminación daquel elemento urbanístico, puxérase en contacto co concello de Madrid para solicitar a súa doazón ó Porriño, terra natal do seu autor, como así se fixo.

Agora, entre as informacións que vin, chamoume a atención a de un a quen non acababa de lle parecer procedente semellante negativa por parte do concello porriñés, cando anteriormente recibiran o templete de forma gratuíta e ademais, dicía, en Galicia non había moito interese pola obra de Antonio Palacios.

Eu non sei se hai moito interese ou pouco; Ó mellor fíxose algunha enquisa ó respecto, da cal non tiven información (un non pode estar en todo), e sacouse esa conclusión. Pola miña parte direi que se algunha vez, de conversa con alguén, sae algún tema relacionado coa arquitectura, case sempre acabamos citando a Gaudí ou Palacios, e sempre coincidimos na común admiración polos seus edificios, particularmente -no caso de Palacios- os situados en Madrid, o cal é enteiramente lóxico (o de falar principalmente da súa obra madrileña), porque grandes e fermosas construcións, por regra xeral, só se poden levar a cabo onde hai diñeiro para investir en eso. E aquí entre nós, exceptuando algún escaso e xigantesco proxecto, como a Cidade da Cultura compostelá, non se ve xente con posibles que teña a ocorrencia de traer un Arata Isozaki ou un Frank Gehry para construír outro Guggenheim en Camariñas, poño por caso.

Así e todo, se en Galicia non hai obras comparables en grandiosidade coas construcións  madrileñas de Palacios, (o Hospital de Xornaleiros de Maudes, a Casa das Cariátides, ou a actual sé do axuntamento na praza de Cibeles, onde, por certo, o arquitecto galego esculpiu no centro da fachada principal o escudo de Galicia no lugar destinado segundo os expertos a situar o símbolo da casa de Borbón, tres flores de lis enmarcadas por unha bordura vermella), hai, eso si, algunhas marabillas arquitectónicas que, se polo seu volume se poden cualificar de pequenas (en tamaño), non desdín para nada en cualidade artística das súas máis voluminosas obras. Refírome por exemplo á casa consistorial do Porriño, obra súa, ou o templo, de estilo clasicista, que acolle no seu interior a fonte da Gándara, en Mondariz. Ou outros edificios maiores, como o templo da Vera Cruz do Carballiño, ou o Teatro García Barbón, de Vigo.

E, falando de Vigo, hai un punto que desde bastante tempo atrás me vén dando voltas na cabeza. Empecei a matinar nel cando, xa hai anos, vin a exposición do proxecto de ordenación urbana de Palacios para a cidade viguesa. Aqueles planos impresionantes parecéronme dunha ambición e grandiosidade tal que situarían a Vigo como unha urbe a coñecer entre as máis interesantes do mundo, arquitectonicamente falando.

O proxecto, na súa planificación definitiva, foi aprobado pola alcaldía en 1934, e na súa exposición pública todos os visitantes se mostraron entusiasmados. Bo, todos non, un grupiño, pequeno, pero influínte, formado polos propietarios de moitos dos terreos afectados polo plan, coa Cámara da Propiedade e o Colexio de Arquitectos, do cal era presidente Manuel Gómez Román, á cabeza, mostráronse totalmente en contra nun extenso artigo que, en dous días seguidos, ocupou cadansúa páxina do “Faro de Vigo”, no cal expoñían a súa oposición enérxica por considerar que, técnica e economicamente, o plan, ademais de non ser viable, sería nefasto para a cidade.

Aquí entra a miña estrañeza ante a postura de Manuel Gómez Román, quen retomara os estudios de arquitectura, animado precisamente por Palacios, rematándoos en 1917, con corenta e un anos de idade. A súa traxectoria é ben coñecida: Secretario Xeral do Partido Galeguista, candidato á alcaldía de Vigo pola Frente Popular, vicepresidente da Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, membro da Academia Galega  desde 1951; a min gustaríame ter unha idea clara sobre os seus motivos para se opoñer á posta en marcha do proxecto de Palacios, do cal só acabaría por se levar a cabo, a partir de 1940, o inicio da Gran Vía, entre Urzáiz e a praza de España, inaugurado en 1945, e posteriormente o tramo entre a praza de España e a praza de América.

E aí quedou paralizado todo o soño de Antonio Palacios para planificar unha urbe modelo.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario