Por Pepe de Rocaforte
Estaba cos ollos postos na pantalla en branco do ordenador á espera do descenso do espírito santo sobre a miña cocorota, a ver se era quen de me inspirar un tema sobre o cal escribir hoxe, cando na radio empezou a soar a música da película “Zorba o grego” no inicio dun programa dedicado a Mikis Theodorakis. Xa saben: aproveitamos a morte dunha personaxe famosa para facer un programiña sen nos estruchar moito as meninxes e xa está o compromiso cumprido.
Pero non vou escribir sobre Mikis Theodorakis e a súa música e o seu compromiso político e a súa bonhomía, porque xa moitos e con maiores coñecementos o fixeron nestes días pasados. Nin intentarei meter baza na polémica de se o sirtaki provén da música tradicional grega ou é creación do músico de Quios para a película de Michalis Cacoyiannis, da cal a pesar de que as críticas entendidas non a puxeron alá moi ben que digamos, conservo un bo recordo en xeral, e particularmente de Anthony Quinn e a súa interpretación da personaxe de Zorba.
Pero, xa digo, vou tratar doutra cousa porque ese suceso tróuxome á memoria aquela época de mediados dos anos sesenta do século pasado, cando os do meu tempo aínda eramos algo rapaces e empezabamos a pasar dos omnipresentes cantantes italianos, desde Doménico Modugno (¿que dis do médico de Buño?, retrucaba sempre un amigo meu) a Renato Carosone, Adriano Celentano, Mina, Tony Dallara, Milva ou Rita Pavone, para entrar, polo camiño marcado por Elvis Presley, na música americana ou, mellor dito, norteamericana.
Daquel tempo viñéronme á memoria tres pezas e os seus intérpretes que, por unha chea de circunstancias, marcaron as miñas preferencias musicais. Foi a primeira delas “I Can’t Stop Loving You” (“Non podo deixar de amarte”). Acórdome perfectamente do día en que de paseo pola rúa Real ferrolá, onde traballaba entón, vin nun escaparate o disco cuxa portada reproduzo aquí: “Ray Charles - Cancións americanas”. Entrar na tenda e mercalo foi todo un.
A segunda canción do terceto é “Unchained Melody” (“Melodía desencadeada”) dos Righteous Brothers. Neste caso non lembro onde merquei o disco; teño idea de que puido ser na rúa Real coruñesa, na tenda dun mozo que, coma min, practicaba o atletismo e por eso nos coñeciamos. Este disco non o conservo.
A canción que completa o trío é “House of the Rising Sun” (A casa do sol nacente”), de The Animals. Esta, aínda que pertence á mesma época das dúas anteriores (mediados dos sesenta), coñecina máis tarde, a principios dos setenta. Por razóns de traballo atopábame daquela en Tarragona, nunha oficina de apertura recente na que practicamente todo o persoal era xente nova, chea de bo rollo, compañeirismo e todo eso. Cando rematou o choio convidáronnos a un xantar en Torredembarra para celebralo, e ó remate, no tempo dos “chupitos”, algúns daqueles mozos iniciaron un recital de cancións, no cal chamoume a atención a intervención dunha moza guapiña que interpretou, acompañándose á guitarra, “Casa de el sol naixent”. Gustoume tanto a canción que o día seguinte fun buscala nunha tenda que se ocupou de mo pedir.
Indagando un pouco sobre estas tres cancións souben que á parte de as tres acadar o éxito en versións dos anos sesenta, foran compostas con anterioridade. "I Can't Stop Loving You" escribiuna o músico country Don Gibson, xustamente o sete de xuño de 1957. «Senteime a escribir unha balada de amor perdido -conta o autor- e despois de escribir unhas liñas, mirei para atrás e vin a liña “Non podo deixar de amarte”» Á parte do que dixese o compositor, lin nalgún sitio, non me lembro agora onde, que o tema pertencía a unha pouco coñecida canción country dos anos vinte, non sei.
En canto a “Unchayned melody” seica a letra foi obra de Hy Zaret, con música de Alex North, para a película “Encadenado”, de 1955, onde a interpretou Todd Duncan, sendo proposta para o “Oscar” á mellor canción, que finalmente recibiría “Love Is a Many Splendored Thing”. Posteriormente, en 1964, os Righteous Brothers fixeron a que para min é a mellor gravación do tema, que volvería ter un novo e maior éxito ó ser utilizada na película “Ghost”, en 1990.
“The House of the Rising Sun” non era un tema orixinal de The Animals, como se chegou a dicir, se ben foron eles quen a popularizaron e lle aumentaron a súa característica introdución de guitarra. A canción orixinal foi unha balada inglesa popularizada nos Estados Unidos. A primeira versión gravada do tema foi a de Texas Alexander en 1928, e despois, nos anos trinta, fixéronse novas gravacións, incluída unha de Gwin Foster e Clarence Ashley, quen dicía que a aprendera do seu avó.
E despois desto voume coa música a outra parte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario