mércores, 1 de setembro de 2021

O ARTÍSTICO OFICIO DE ENVELENADOR

Por Pepe de Rocaforte

 

Estes días ándolle a dar un repaso ós tomiños da “Biblioteca 114” que atopei cando intentaba ordenar un pouco a miña pequena colección de libros. Hoxe tocoulle a vez a “Dias impares e outros días”, escolma de artigos xornalísticos de Miguel-Anxo Murado, un dos nosos autores das recentes xeracións que máis admiro e con máis satisfacción leo.

A selección non ten desperdicio, pero por motivos da posible utilidade (non sabe un se algunha vez precisará botar man dunha receita que o libre sen moito perigo dalgún importuno escritor. Que sempre os hai), pareime a ler con atención a Historia de envelenadores e envelenadoras, nesa “sinistra variante da gastronomía”, di o autor.

No parágrafo dedicado á cicuta conta Murado que non só Sócrates a utilizou para lle dicir adeus a este mundo cruel. Demóstenes degustouna, posiblemente mesturada con opio para evitar sufrimentos innecesarios. O dos sufrimentos innecesarios, dixo Teofrasto, algúns verdugos compasivos tamén os evitaban botándolle ós seus clientes forzosos un chisqueniño de opio na dose letal.

Disque Séneca saboreaba un batido de cicuta mentres se cortaba as veas, método de suicidio bastante utilizado naquela época de esplendor do imperio romano por moitos afectados polo tedio vital. Cortar as veas mentres se daba un tonificante baño de auga morna utilizouno así mesmo Petronio, o arbiter elegantiarum, a quen coñecín ós meus once aniños gracias a lectura de “Quo vadis?”, a novela do premio Nóbel polaco Henryk Sienkievwicz, hoxe un tanto esquecido, pero que a min daquela gustárame moito, non sei se neso influiría a portada do libro, na que se ven, ambos en pelota picada, Ligia atada ó lombo dun touro e o forzudo Urso agarrando ó animal polos cornos coa intención de lle romper o cachazo e salvarlle a vida á súa ama, condenada por Nerón a morrer no circo, xunto cun lote de figurantes cristiáns.

E chegado aquí asómbrome ó observar como, mentres agora se me esquecen á media hora de oílos ou lelos, me permanecen na memoria os nomes das personaxes dunha novela lida cando tiña once anos; non só Petronio, Nerón ou Popea, senón os namorados protagonistas Marco Vinicio e Ligia, xunto con Urso, o forzudo defensor da rapaza nunha Roma chea de perigos para os seus desprevenidos habitantes.

Volvendo ós envelenadores repara Murado en que o grande número deles en determinadas épocas propiciou o desenvolvemento dun novo oficio, eso si, sumamente perigoso, polo cal supoño que non debía estar mal retribuído: o de catador das comidas e bebidas de personaxes importantes. De calquera xeito, co paso dos séculos o envelenamento foi caíndo en descrédito. Murado conta que Thomas de Quincey chegou a escribir que os envelenamentos valían menos que unha figura de cera ó lado dunha escultura; para el o xeito máis fetén de lle dar morte a un próximo era cuns bos machadazos. E algo de razón debía ter, cando vemos que o monxe siberiano Rasputín, tamén coñecido meu da infancia por unha biografía que había na casa e non sei onde anda agora, deu máis traballo do esperado ós seus asasinos, que temerosos dun posible fracaso da apócema, tiveron a ben subministrarlle tamén unha boa ración de balazos.


Cando de neno lin a biografía daquel monxe barbudo paseino mal. A súa figura metíame medo, un medo que, así e todo, non me impediu ler o libro ata o escalofriante remate, mentres o facían esperar para ver á zarina e facía tempo devorando uns pasteis envelenados con cianuro e ben regados con abundante viño do que tanto gustaba. Entón, como a medicina parecese non ter o efecto esperado, o príncipe Iusupov tratou de acelerar o paso do monxe a peor vida disparándolle un tiro de pistola. Xa daba o traballo por rematado, cando mentres se preparaba a saír do palacio co corpo do delito, observou cheo de sorpresa que Rasputín aínda rexurdía e foille necesario despachalo con dous novos disparos e un palastrazo de aquí te espero no medio e medio da cachola.

Murado ponlle a guinda ó caso contando que cando Iusupov se abaixou para coller o corpo, o presunto finado aínda lle largou unha labazada que o deixou quente, menos mal que puido atalo para despois mandar guindalo ó Neva, ese rio-canal pola beira do cal lle gustaba tanto pasear a Dostoiewski nas noites brancas de Petrogrado.

No relato de Miguel-Anxo Murado encheume de orgullo descubrir que aquí en Galicia tamén tivemos un ilustre teórico do envelenamento utilizado como arma de guerra:  Domingo Antonio de Andrade. O arquitecto que proxectou a torre do reloxo da catedral compostelá tivo a ocorrencia de deseñar unha bomba para introducir a peste nunha cidade sitiada, e se os compoñentes do seu preparado tóxico eran similares ós receitados por Leonardo da Vinci para un traballo parecido -pezoña de sapo, cuspe de can rabioso e babas de ancuba (non me pregunten o que é a “ancuba”, porque a explicación que me dá internet é que se trata dunha planta introducida en Europa polo botánico John Goefer en 1783, o cal fai un pouco difícil o que a utilizase Leonardo da Vinci, morto en 1519)-. Di Murado que, se non a peste, con aqueles compoñentes a morte por noxo estaba máis que garantida. E eu penso o mesmo.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario