Cóntanos Xulio que el sempre pensou que a tendeira das tesouriñas de ouro que se lle apareceu a unha tía de súa avoa no lugar de Mourelos existiu de verdade, ou que o cabalo que se ergueu de patas diante dun curmán de seu avó unha noite de vento tamén existiu, sobre todo porque cando seus avós lle contaban estes contos sempre lle poñían nome e apelidos ós protagonistas, aínda que estes xa non estivesen vivos para ratificar ou corrixir o acontecido.
Así se contaban sempre os contos da tradición oral, convertidos en anécdotas para facelos máis cribles, pois sabendo de alguén con nome e apelidos a quen lle acontecera o suceso, era máis difícil dubidar da veracidade da historia; e así vía o amigo Xulio á súa antepasada fuxindo da moura encantada cando sinalaba as tesouriñas como a cousa máis fermosa daquela tenda e non a ela, a ciumenta e presumida loura que lle preguntaba que era o que máis lle gustaba. Sen dúbida, esta maneira de contar facendo protagonista a algunha persoa real fixo que eses relatos permanecesen na nosa memoria para poñer exemplos de conducta, neste caso advertindo contra a cobiza, pois se en vez de ser mesquiña adulase á moura encantada, outro beneficio sacaría.
Tamén foi moi curioso cando o señor Emilio, de Oseiro (Arteixo), lle contou ó meu amigo o que a el mesmo lle pasara certa noite cando volvía de mocear e ó pasar por unha corredoira notou a bafarada dun cabalo detrás del, e aínda que o señor Emilio oía o roce das súas propias roupas coas ramas dos arbustos do arredor, do misterioso cabalo non oía nada, agás ese bafo intimidatorio.
A historia do señor Emilio era moi semellante a aquela outra do curmán do avó de Xulio, tanto así que, oíndoa, non o quixo interromper e deixou que seguise con esa maneira de contar unha fantasía para ver as posibles variantes; e despois de oílo apurou o meu amigo a tomar papel e lapis para anotar ambas, aínda que estaba moito máis cargada de detalles e que lle contara seu avó para previlo de andar só polas rúas a deshora, cando con doce anos se entretivera a xogar e chegara tarde para a cea. Na historia que lle contaba, tras de ver aquel cabalo fantástico co que non se asustou cando se empinou diante del, esperou a que a besta se calmase e seguiu o seu camiño. Un pouco despois, o curmán do seu avó viu sentada sobre un portal ameado de puntas disuasorias a unha señorita espida que se peiteaba e lle chiscaba de ollo sen que o vento nocturno lle afectase. “Estas ben”, díxolle o curmán e seguiu andando cando de súpeto unha galiña, saída de non sabe onde se lle enrolou nas pernas colléndoo tan desprevido que se asustou: “demoño de becho”, din que dixo, e entón a galiña botou unha gargallada e contestoulle: “Eu asusteiche non?”, e foise.
Cando o home chegou á casa e contou o ocorrido, aseguráronlle que todo aquilo que vira fora obra do demo, quen co vento fai figuras coas que asusta e amedrenta a quen anda polas rúas a horas imprudentes. E o meu amigo Xulio aprendeu ós seus doce anos a recollerse con tempo para non ter ningún mal encontro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario