Do san Miguel de Breamo (Pontedeume), contan que aló polo Nadal do ano 1224, os templarios que custodiaban o templo viron como ó rosetón da igrexa, adornado con once puntas, unha por cada un dos monxes soldado que o coidaban, de súpeto saíalle unha punta máis, e ó mesmo tempo, sobre o altar apareceu un neno durmindo placidamente. E alí estivo toda a noite sen que os valentes cabaleiros se atrevesen a tocalo, ata que ó amencer, o rosetón recuperou a súa forma orixinal de once puntas e o neno esvaeuse. E é voz que se estende entre os eumeses que isto mesmo sucede cada Nadal, unha marabilla que só pode ver quen está en graza de Deus.
A sólida igrexa de Breamo data a súa construción no 1187, e foi ocupada durante longo tempo polos freires agostiños que a abandonaron no século XVIII en que pasa a ser parroquia. E aínda que o san Miguel ten a súa festividade no 29 de setembro, Breamo tamén lle celebra romaría no día 8 de maio, lembrando a lenda de algo sucedido en tal data do ano 492 no reino de Nápoles, cando se perdeu un touro que acabou refuxiado no interior dunha cova, a onde o foron buscar e, para sacalo, disparáronlle unha frecha co fin de espantalo, pero a frecha volveuse contra quen a disparara, polo que, crendo que alí había forzas demoníacas que lles impedían recuperar o animal, chamaron ó bispo do lugar para que operase algunha sorte de exorcismo.
O bispo, Siponto, mandou facer xaxún durante tres días, e ó rematar a penitencia o mesmo san Miguel se apareceu na porta da cova para anunciar que aquel lugar xa estaba libre de mal e que a vontade de Deus era que alí se erixise unha igrexa baixo a súa advocación. O touro saíu mansamente e nas encostas do monte Gargano, onde estaba a devandita cova, operáronse desde aquela moitos milagres pola intervención do santo arcanxo.
Hoxe en día, en Breamo, para evitar os males do corpo e da alma, é costume entre os fieis darlle nove voltas ó templo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario