sábado, 18 de setembro de 2021

Xenética e cultura


A xenética é todo un carné de identidade, lémbranolo o refraneiro desde moito antes de que ninguén soubese que son os xenes con aquel de “nas orellas ou nos pés semellarás a quen es”. Así, un amigo que acaba de vir do médico por mor dunha especie de verruga que lle saíu en lugar moi visible, contounos todo contento como a preguntas do médico lembrou que xa seu pai tivera outra igual en semellante sitio.

A xenética está tan na boca de todos que ata parece que a listura dun neno acomódase por vía hereditaria segundo as pexorativas expresións “ser como o pai que o fixo” ou “como a nai que o pariu”; e sen embargo, se temos ou non xenes dos neandertais ou se compartimos un noventa e tantos por cento deles coas ratas de sumidoiro, non significa mesmamente que sexamos semellantes aínda que todos teñamos cabeza, tronco e extremidades.

Os humanos evolucionamos mellorando esas marcas de identidade que levamos metidas ata nas células do pelo, pero, tal vez, o factor máis importante na evolución é a propia maneira de ser e actuar, todo iso que non vén de fábrica, senón que se aprende. Os coñecementos adquiridos do entorno e da nosa propia experiencia teñen unha influencia determinante e tal vez moito máis profunda sobre o noso desenrolo. Co descubrimento do lume as dixestións foron menos pesadas e co invento da roda perdemos músculo. Hai anos era norma pensar que o fillo dun carpinteiro herdaba o oficio paterno como se herdan os ollos verdes, pero por mor da evolución, as novas xeracións desmentírono desde o intre en que abandonaron os oficios familiares por outros máis adecuados ás necesidades sociais e vitais que lles toca vivir. Novos oficios e actividades que axudan a unha mellor e máis rápida adaptación ó entorno, cousa que á xenética lle levaría moito máis tempo.


Este mesmo amigo, herdou de seu pai a verruga pero non o oficio; o vello era albanel e el, despois de empezar arquitectura inclinouse polas matemáticas, porque hai cousas que non se herdan se non é á forza. De feito hai moitos señores de bonete á cabeza convencidos de que fixo máis pola evolución da humanidade a cultura que a xenética, pois mentres esta tarda séculos en conseguir que o corpo se adapte ó medio en que vive, a outra pode cambiar dunha xeración a outra a mesma forma física das persoas. Non hai máis que ver a estatura media dos mozos dos anos corenta do pasado século e a dos máis recentes anos, para entender como contribuíu a mellora dos usos hixiénicos e de alimentación, por exemplo; e por algo máis que o leite en po que nos daban na escola nos anos sesenta.

Sen dúbida, a transferencia da herdanza cultural é moito máis rápida e adaptable, dado que non só se circunscribe ó entorno familiar, senón tamén ó da veciñanza e ás propias experiencias. Aínda así, recoñecendo que a xenética ten unha boa parte de culpa para que uns sexan negros e outros brancos en función da luz solar do seu hábitat, a aprendizaxe de habilidades e a adaptación ó medio permítenos durmir a perna solta nunha cabana de palla nos trópicos ou nuns iglús no polo norte independentemente da cor da pel.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario