luns, 6 de setembro de 2021

A semana dos baños

                Por Rosa Vizcaya


 

Os baños no mar durante os primeiros nove días de setembro considerábanse fundamentais non só para curar enfermidades senón tamén para evitalas, sobre todo as gripes e catarros invernais. Teñamos en conta que ó largo deste mes as celebracións relixiosas distínguense polo súa función protectora da saúde de cara ó inverno.

Esta tradición, dos baños, estaba estendida por numerosos lugares de Galiza e do norte peninsular, con desprazamentos de bañistas desde as zonas do interior ata a costa.

No concello de A Laracha (A Coruña), chamábaselle a semana dos baños á que coincide coa festividade dos Milagres de Caión (o día 8), único porto de mar do concello, e para obter os beneficios deste ritual, dado que unha semana só ten sete días, alargábase ata os nove, sempre que fosen consecutivos.

Era tan forte a crenza no poder profiláctico destes baños que os laracheses viaxaban en autobús ata Lañas (Arteixo) e desde alí facían o longo percorrido a pé ata as praias de Arteixo, cando non lles era doado desprazarse ata Caión.

Na actualidade, este costume perdeu o carácter simbólico e quen o practica non conserva as formas ortodoxas doutro tempo, pero non por iso deixa de ser interesante comprobar como se mantén adaptado aos tempos actuais.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario