Este verán, na praia, mentres un neno deixaba de xogar ó balón para coller un cómic e illarse de todos, o seu avó acercóuseme á orella para dicirme que era un superdotado. “Que mágoa”, pensei, pero o vello, alleo ós meus pensamentos instoume: “Non penses que é un rariño”. E a min deume pena véndoo arredado, sen xogar, nadar e armar barullo coma todos os demais.
Íalle dicir que, segundo teño entendido, os nenos con altas capacidades intelectuais son propensos ó fracaso escolar se non se atenden ben, porque se aburren tanto se as explicacións que lle dan na clase son demasiado elementais como se son demasiado avanzadas; e por moi listos e espertos que sexan non deixan de ser nenos.
Tamén no bar onde nos reunimos en parladoiro, hai algún seareiro que sempre anda apurado porque ten que recoller ós netos dalgunha actividade en “The Brain Factory”, e se lle preguntas cantos anos teñen, axiña che conta das boas notas que sacan en primeiro de primaria e das marabillas que fan ou din en castelán, galego e inglés, máis propias dun patrucio ca dun cativo, o que nos demostra que ese neno non xoga cos da súa idade, e por falta de xogo non sabe socializar cos do seu tempo.
Na boca dos avós estamos rodeados de superdotados. E se ben é certo que en comparación cos nenos das décadas dos anos sesenta e setenta, un de hoxe en día ten á súa disposición todo tipo de xogos para fomentar as súas curiosidades e facilitarlle a aprendizaxe da lectura e do cálculo, predispoñéndoo para avanzar en creatividade, tamén o é que un neno non debería ser a mascota de ningún avó nin un obxecto de adestramento para competir en listura.
Non é difícil que un cativo ou cativa teña unhas destrezas intelectuais máis altas que as que, coa mesma idade, tiñan seus pais ou seus avós, e igualmente que teñan unha maior capacidade de memorización, atención e concentración, sorprendéndonos cando nos fan preguntas que un par de xeracións antes a ninguén se lle ocorría facer, ou que amosen curiosidades que nós non tiñamos. Certamente, a rapazada actual está mellor preparada intelectualmente, pero os avós endéusanos demasiado nunha especie de competición por ver quen ten ó neto máis listo, e vencidos polo orgullo e por non decatarse de que os sabichóns dexeneran en rariños e repugnantiños, poden malograr esas capacidades. Tal vez, ese avó que estaba na praia tiña razón en non pregoar as dotes intelectuais do seu neto en voz alta, das que estaba moi orgulloso, pero ó mesmo tempo, segundo intuín, preocupado pola carencia de habilidades para relacionarse, porque non se daba maña á hora de patear un balón e os demais nenos reprendíano e rexeitábano.
Evidentemente, todo isto non quita que de cando en vez apareza un neno como ese tal Laurent Simons, un cativo de once anos que se acaba de graduar en Físicas pola universidade de Anveres nun só ano, mentres que os máis intelixentes dos seus compañeiros, de dezaoito e vinte anos, han de pasar polo menos tres ou catro para facer a carreira.
Este neno, a quen lle seguen gustando os cómics de súper heroes e os videoxogos ¿lamentarase algún día de non ter tido infancia?
Ningún comentario:
Publicar un comentario