luns, 6 de setembro de 2021

FACENDO O CAMIÑO (25-2)

 

CHEGADA A SARRIA

Por Pepe de Rocaforte

 


Continuación do día 11 de xuño – A baixada ata Triacastela é rápida, os camiños costaneiros e con moita pedra. Parece querer empezar a lucir un pouco o sol e o espírito alégrase coa promesa. Chegamos á vila e acolá abaixo, no fondo dunhas herbeiras, á esquerda, vemos á porta do albergue, aínda pechado, o grupo de franceses que nos cadraron de compañeiros de cuarto en Vilafranca, “Tomasín” e os seus colegas lioneses. Entre eles está tamén ó valenciano máis novo daquel simpático sexteto familiar sabedor dos mellores sitios para acomodarse en cada lugar. Aínda é cedo, pero coma se non o fose, a panorámica de semellante compañía para o día enteiro, e para a noite, dános ánimos para proseguir camiñando, a ver se dunha vez perdemos de vista a tales xoias. O que non deixamos de nos preguntar é: ¿como puideron chegar ata aquí sen perda entre a noite, o vento, a chuvia e a néboa? Teñen o seu mérito.


Coa boca pequena dicímoslle aí vos quedades, como tamén llo diremos a Juan e Carlos, os dous sevillanos da Vía da Prata, a quen atopamos diante da igrexa. Tratamos de animalos a seguir, porque a eles aínda dá gusto telos de compañeiros, pero non aceptan, por hoxe xa está ben, din. Daquela despedímonos e proseguimos camiño, elixindo o novo, que pasa por San Xil, en dirección a Sarria.

Tal como nos dixeron varios veteranos do camiño, a paisaxe é por aquí fermosísima; pero nos dezaoito quilómetros de Triacastela a Sarria non hai nin un miserable lugar onde tomar nin un bocadillo nin un triste café.


Agora brilla o sol e o cansazo empézanos a pesar nas costas, polo que nos é preciso facer un par de paradiñas de descanso. A eso das dúas e media atopámonos á beira de Sarria, esgotados e famentos, o cal nos obriga a meternos na primeira tasca que encontramos aberta, a “Bodega A Pedra”, poño o nome para me lembrar ben dela, aínda que me parece que non a esquecerei en moito tempo, porque os miserables que a rexentan, logo de nos dar un pratiño de sopa de fideos raros e mal cocidos, duros aínda, un par de ovos fritos con patacas fritas e dúas lascas finas de xamón ben salgado e unha xerriña cun preparado infernal ó que con toda a cara lle chamaron viño tinto, sentados a unha desas incómodas mesas de aparencia “rústica”, pegáronnos unha clavada por todo o alto, sen facer caso ningún ás nosas obxeccións. Para que aprendamos a nos meter en sitios onde nin unha carta de prezos che presentan. A culpa é nosa, está claro, non o imos discutir.

(Aquí vou incluír unha gravación de voz feita á medida de ir andando, antes de escribir pola noite como nos foi a etapa: Chegamos a Sarria botando os bofes, ás tres menos cuarto da tarde, e entramos no primeiro sitio que vemos, “Mesón A Pedra”. Non: “Bodega A Pedra”, un sitio porcalleiro, cutre, en plan un deses tipos de mesóns antigos, que non son antigos, senón vellos aínda que non teñan máis dun ano, cunhas cadeiras feitas con catro táboas, incomodísimas. Non che poñen nin sequera un mantel de papel. Unha merda. Aténdente como lle sae do carallo. A elección que che dan é: primeiro prato: sopa de fideos ou nada. Segundo prato: empanada resesa ou ovos fritos con tres lascas de xamón e unhas patacas fritas. Bo, Inma pillou dúas e eu tres. A historia é que nin postre teñen, moito menos café, só unha xerra de viño que non o coñece nin a nai que o pariu, porque non tiña nin pai nin nai, debía ser un Coes de cartón mesturado con salfumán, e un pouquiño pan, reseso coma a empanada, naturalmente. E todo eso dá para che cobrar dúas mil quiñentas pesetas. E non lle digas á rapaza que che parece que a conta debe estar mal feita. Ela vai, fai a conta, chama ó patrón e o patrón dille: “non, non, non, está ben”. Así é como se fan os “negocios” aquí, madre de Dios. Bo, será mellor parar porque se non vouno mandar todo a tomar por retampufa).

Para colmo, cando despois de malxantar nos achegamos ó albergue da vila, atopámolo cheo xa, sen ningunha praza libre. Vemos a Elio, o rapaz de Alicante, e dinos que cando el chegou, a eso da unha e media, aínda había unhas cantas prazas sen ocupar, pero non podía reservárnolas. En realidade nin se lle pasara pola cabeza, supoñía que non iamos ter problema.

En fin, como o de proseguir camiño non se nos pasa pola imaxinación, para o día de hoxe xa nos chegou ben, imos durmir a un hostal, que por unha vez tampouco nos virá mal de todo.

            (Etapa 26-1)

Ningún comentario:

Publicar un comentario