Nestas
datas non pode faltar o dato simpático no día dos Santos Inocentes, que se
celebra o 28, con todo tipo de bromas e burlas, coincidindo co mesmo día no que
os Romanos celebraban o día da xoldra durante as súas Saturnais, a chamada
festa dos escravos, durante a que estes vestían a roupa dos amos e tamén eran
servidos por eles, unha especie de troco dos roles sociais e que nada ten que
ver coa coñecida matanza dos inocentes promovida por Herodes, a cal, segundo os
datos históricos, nin foi tanto nin tal como nos din, pois só se debeu a un
augurio que lle fixeran ó magnate, de que un fillo seu lle ía quitar o trono, e
daquela decidiu matalo. Pero nin moito menos foi unha matanza tan
multitudinaria como se conta.
E
igual que facían os romanos, en Galicia era costume trocar os roles sociais na
figura dos nenos, vestíndoos con roupas a modo de bispos e outras figuras con
intención grotesca, tal de papas ou reis, os chamados Papa dos tolos, e
permitíaselle que ese día deran ordes e incluso se lles obedecía, ata que o
bispado de Mondoñedo prohibiu tal costume no 1669.
No
lugar de Ferreras de Arriba, na provincia de Zamora, aínda se conserva un
festexo chamado a Mascarada de inverno, que se celebra cada 28 de decembro, e
ten como personaxes principais o Diabo, a Filandorra, a Madama e o Galán,
representantes, os dous primeiros do feo e os segundos do bonito, do mal e do
ben, das tebras e da luz. Son personaxes que poden entrar nas casas perseguindo
ós veciños a quen lles botan borra ou manchan cunha cortiza queimada os
primeiros, mentres que os segundos colocan un sombreiro sobre o patriarca de
cada casa en sinal de felicidade. Son reminiscencias daquelas mascaradas que xa
se celebraban nas Saturnais romanas.
Na
catedral de Mondoñedo consérvase esta pintura mural que representa a matanza
dos inocentes tal e como nola narra o Evanxeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario