xoves, 15 de decembro de 2022

OS MORMÓNS E OUTROS

Por Pepe de Rocaforte

 

Un veciño meu que fixo o servicio na mariña española contábame a súa grande aventura de cando deu a volta ó mundo en non lembro que barco, tal vez o “Juan Sebastián Elcano”. O mellor recordo que gardaba daquel periplo era o do paso por San Diego, en California, onde botaran fondeados uns días inesquecibles.

 “Alí pasámolo coma reis”, contábame. “Coa xente entendiámonos moi ben, porque había moitos que falaban o castelán e xa o primeiro día que baixamos a terra, cando lle preguntamos a uns por algún sitio barato onde comer, leváronnos ó “Exército de Salvación” onde se xantaba mellor que no barco, pódesmo crer. ¡E de balde!”.

“¿Pero como fostes comer a tal sitio?”, escandaliceime. “Porque o “Exército de Salvación” vén ser algo así como aquí a Cociña Económica ¿non?. E vós. co uniforme da mariña española,... Vaia vergoña”. “Bo, bo, bo... ¿Que importancia ten eso?”, retrucoume o meu veciño. Eu calei. ¿que lle ía dicir?

Este recordo tróuxome á memoria eses outros mozos altos, loiros, ben traxados, discípulos da Igrexa de Joseph Smith e Brigham Young: os mormóns, de quen eu xa viña ben informado de pequeno, gracias ás novelas de vaqueiros de “Rodeo”, a editorial viguesa que a tantos rapaces, e máis a bastante xente grande, nos meteu o vicio da lectura.

A estes mozotes mormóns deixeinos de ver hai certo tempo, non sei se xa non veñen por aquí ou agora transitamos por lugares non coincidentes. Hai anos eu tiña unha certa frustración con respecto a eles porque os vía vir pola rúa, en parella, coas súas carteiras, parándose a falar con calquera con quen se cruzaban. ¡E a falar comigo nunca se paraban! ¿Que verían no meu aspecto para me deixar sempre de lado?

Pero, ¡vaia!, un certo día, pola tarde, cando máis despistado ía eu polo Cantón Grande a pensar nos biosbardos, aparéceme de frente un par de típicos mormóns que se poñen a me explicar de que van as súas andrómenas e me preguntan se son crente, e pola miña relixión e se me interesan as súas crenzas, etcétera.

Escuso dicirlle a vostede o contento que me puxen ó ver que, coma con calquera outro paseante urbano, os mormóns ¡por fin! paraban a falar comigo. Tanto me alegrou ver que, polo menos neste aspecto, podía considerarme tan normal como o resto dos cidadáns que circulaban polo meu lado, non tiven ningunha obxección que lle poñer a aceptar que viñesen un día pola miña casa a conversar un pouco comigo das súas trécolas.


O día marcado, á hora fixada, alá me apareceron á porta os amigos mormóns. Fíxenos pasar e, de entrada, ofrecinlles cadansúa copa de “Pedro Ximénez”, que refusaron cortesmente: non eran bebedores. E a seguido empezaron a me informar (catequizar) con moita amabilidade. Pregunteille se non lle parecía mal que puxese unha gravadora, así podería repasar sen problema as súas palabras en caso dalgunha posible dúbida ou esquecemento. Miráronse entre si e, finalmente, un encolleuse de ombros e dixo que pola súa parte non había problema.

Pola miña parte pregunteille que tal funcionaba entre eles a poligamia e explicáronme que na súa relixión non se practicaba. Estrañáballe unha pregunta que moita xente lle facía, cando eso era cousa moi minoritaria e de tempos pasados que só se daba (se chegaba a darse. Eles non o sabían) en insignificantes grupos moi illados.

Cando xa non había moito máis de que falar, levantáronse e ofrecéronme, ademais duns folletos informativos, unha tarxeta co enderezo da súa igrexa, para que pasase por alí cando o tivese a ben.

Xa na porta un deles, o máis alto, bateu coa cabeza no lintel, un tropezo sen importancia. Pregunteille a que se podía deber que fosen tan altos e o que levara o golpe no coco respondeume que era porque comían moito millo. Non sei se será así ou se tratará dunha mostra humor mormónico. O caso é que nunca volvín ter relación con eles para lle preguntar máis detalles sobre o particular.

sábado, 10 de decembro de 2022

Do garfo ó diapasón.


   

Estabamos no restaurante dun hotel, charlando amigablemente cando alguén nos fixo reparar nunha longa mesa onde os compoñentes dunha orquestra da Europa do leste comían en silencio. Só se oía o ruído que os camareiros facían ó mover os cubertos. Está claro que esa non é a nosa cultura, afeitos a cruzar palabras de extremo a extremo da mesa, rindo ou discutindo. Ese día, algún dos nosos compañeiros comentou que ese silencio podía ser debido a unha antiga superstición alemá que prohibe facer ruído, e máis concretamente co garfo sobre o prato, porque este, coa súa forma de tridente atrae ó demo.

O certo é que este tipo de cubertos só levan usándose como algo cotián menos de tres séculos, antes só era cousa de mexeriqueiros nobres dos que a xente se ría por arrevesados, co doado que é botarlle a man á tallada sen aparello interposto.

O amigo que nos ilustraba contounos que todo empezou aló polo século XI, cando a melindrosa princesa Teodora Ana Ducaina, filla do emperador de Bizancio, pediu algo con que coller os alimentos sen ter que lixar as mans. E se ben o aparello non gustaba que se puxese na mesa pola semellanza co instrumento demoníaco, a aquel que pinchaba a comida con un garfo sinalábano como un pedante, algo que non se lle atribuía ós refinados señores cando comían coas luvas postas, para chupar os dedos con boa educación. Non foi ata cinco séculos máis tarde, na renacentista Florencia cando comezou a ser habitual o seu uso, e daí, pola refinada man de Catalina de Médici, pasou á corte de Francia e pouco a pouco, como todo aparello novo, vendo a prosperidade da realeza sen que o diaño metese baza, foi entrando en todas as casas e tamén na do matemático Girolamo Cardamo, xa no século XVII, cando os garfos tiñan tan só dous dentes, quen, xogando con el (fóra da mesa, como a boa educación ordena), decatouse de que se se golpeaba contra o prato ou contra outros cubertos, producía unha vibración e o correspondente son, que dependía do largo dos dentes e da separación entre eles, co que se podía modificar e axustar ata que dese unha determinada nota musical.

Experimentando un pouco máis descubriu que tocando con el na cabeza dunha persoa ou facendo que mordese o mango, esas vibracións podían ser oídas con un son moito máis nítido que se entrase polas orellas. E como todo bo científico, o señor Cardamo deu a coñecer esas apreciacións para que outros visen de descubrir algunha aplicación máis produtiva.

E así foi como o médico italiano Caplivacci e o alemán Schelhammer, sen portar pola superstición aquela do demoño chamado polo repenique dun garfo para amargarlles a comida, observaron que con el podían diagnosticar as xordeiras e distinguir de onde podía vir o problema auditivo dos seus doentes, converténdoo en instrumento para o diagnóstico de problemas auditivos. Pero tamén se decataron, no momento de perfeccionalo, que axustando a lonxitude, grosor e separación das súas puntas, podíanse xerar as distintas notas musicais de maneira tan perfecta que servía para afinar os instrumentos.

E esta é a historia de como un aparello creado para que unha melindrosa princesiña non lixase as mans, se converteu en diapasón.

                                                                    Francisco Ant. Vidal

 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

xoves, 8 de decembro de 2022

A PEQUENA HISTORIA DUN BARRIO

 

Por Pepe de Rocaforte

 


O Couto é un barrio de Ourense, tal vez un dos máis coñecidos da cidade, polo menos de nome, gracias á universal preocupación polo deporte futbolístico, xa que nel está ubicado o estadio onde xogan os seus partidos os clubs balompédicos da capital.

Neste barrio instalouse, no ano 1849, unha das industrias emblemáticas de Ourense na segunda metade do século XIX ata inicios da segunda metade do século XX: a fundición do Malingre, coa alta cheminea e a sirena que ó longo de cen anos sinalou as horas laborais da cidade coas súas chamadas á entrada e saída dos obreiros.

Hai cen anos a Marquesa de Atalaia Vermella, máis coñecida como Doña Angelita Varela, mandou construír na rúa de Erbedelo, preto da hoxe desaparecida fundición do Malingre, un conxunto de edificacións destinadas a museo e orfanato de nenas: a Fundación do Santo Anxo, instalada nun conglomerado arquitectónico en estilo neogótico, "un dos monumentos de máis engado en Ourense", no que entre outros tesouros se conserva unha imaxe gótica de Santa Ana, da escola de Pedro de Mena, unha escultura de Asorei, cadros de Sorolla, Lloréns, Fierros e Pradilla, esmaltes de Limoxes e cerámicas de Sargadelos, Sevres e Talavera.

E nesa mesma rúa de Erbedelo, a pouca distancia, érguese o Santuario Votivo de Fátima, cuns conxuntos escultóricos esculpidos por Antonio Failde no frente do edificio.

Deses monumentos e de moitas cousas máis que conforman a peculiar personalidade deste barrio trata don Xosé Álvarez González na súa “Historia de O Couto”, editado en 1993 pola Deputación de Ourense e que, como me pasa case sempre, atopei mentres buscaba outro libro que leva días resistíndose a me aparecer.


Repasando as páxinas desta Historia do Couto atoparemos noticia dos vellos camiños, como a corredoira de San Clodio, que formara parte dunha vía romana de tempos de Caracalla, e que en sentido transversal corría desde os Baños de Bande a Lugo; da rúa da Fonte do Bispo, que levaba ó Castelo Ramiro; do camiño vello de Reza, ou dos de Rabodegalo.

E poderemos ler anécdotas curiosas, como o porqué do nome do "Salto do Can", evolución dun "Santo do Can", San Roque, de quen se celebraba a refesta á sombra dos piñeiros mansos, no lugar da campiña do Silva e do Lloves, sobre a pendente a cuxos pés se abre paso o río Barbaña, camiño da súa reunión co Miño.

Tamén encontraremos datos sobre xente nacida no barrio, ou que viviu alí, como don Marcelo Macías, ou o doutor Manuel Sas, "o médico dos pobres", que no portón da casa tiña un letreiro con este anuncio: «Los jueves consulta gratis». Tamén alí nacido, o 10 de agosto de 1877,  foi o crego Basilio Álvarez. E o poeta Manuel Luís Acuña. E o dandy Antonio Rei Soto, que foi capelán da Fundación do Santo Anxo. E moitos outros, de maior ou menor sona, de quen dá noticia esta “Historia de O Couto”, do crego don Xosé Álvarez González, que recomendo a todos cantos se interesen polas pequenas historias de Ourense.

sábado, 3 de decembro de 2022

Ciencia no Congreso


 Como por falar non doe a lingua, os oradores profesionais acostuman a envolver o seu discurso naquilo que ós oíntes nos gusta escoitar, prescindindo do mínimo asesoramento cando se refiren a temas que lle son alleos para soltar barbaridades que nos quentan as orellas.

Tendo en conta que o que sae pola boca dos dirixentes sociais é palabra solemne para a maioría dos cidadáns, e dado que moitos improvisan sen aterse ás consecuencias e acaban por mesturar fanatismo con fantasía, é doado facernos caer no engano cando non temos á man a wikipedia para discernir o realismo e a sensatez.

Desgraciadamente son poucos os políticos que pasaron polas facultades de ciencias. Saben moito de dereito e de economía, aínda que non sempre nos gusten as regras que aplican nestas materias, talvez as máis polarizadas da política, pero cando teñen que falar dun xerador eólico ou dun motor eléctrico é moi doado que confundan vatios e voltios. E entre os todopoderosos representantes da sociedade civil, non faltan cabezas pouco dadas a acatar opinións alleas, ou moi dadas a sentirse máis infalibles có papa, capaces de negarlle a palabra ó mesmísimo Newton discursando sobre mazás.

Entre aquela frase célebre de todo un intelectual de primeira liña “Que inventen outros” ata os “Hilillos de plastilina” dun señor ministro van case cen anos de pouca sensatez científica, e parece que non se cambiou moito. A sarta de barbaridades que se soltan no Congreso dos Deputados sobre enerxías alternativas, avances tecnolóxicos e todo o que ás cuestións científicas ou tecnolóxicas se refire, semella un déficit que non damos superado e transmítese á sociedade que, en moitas ocasións, acolle esas palabras como verdades divinas. Polas páxinas da prensa diaria pasan os maiores disparates que a clase política se digna poñer en boca sen ningún tipo de rubor, moitas veces amparándose en descoñecidos personaxes, como aquel suposto curmán que aseguraba que iso do cambio climático era unha mentira das gordas. E en datas recentes, algún seguidor de tal tese, autoerixido en voz capacitada por sentar nun dos bancos do Congreso puido asegurar e asegurou que o aumento da temperatura producida polo quecemento da Terra traerá como beneficio a diminución de mortes por frío. Aí queda iso.

Había que pórlle remedio a tanto exceso, e por iso debemos aplaudir que se crease dentro do Congreso unha oficina de Ciencia e Tecnoloxía, para que os oradores, antes de falar, laven a boca con unha boa dose de instrución científica. Serán oito asesores, apoiados por recoñecidos profesionais, a quen os congresistas terán que atender como alumnos diante do titor. Claro que está por ver cal vai ser a capacidade auditiva dos asesorados, porque en canto algún dos expertos desdiga ó descoñecido curmán dalgún parlamentario, axiña pode ser acusado de negar a verdade para favorecer os intereses de determinado grupo contrario á súa maioría social. Así de teimudos somos.

Xa veremos que pasa cando escollan ós expertos que os adestren, e se tamén entre uns e outros, entre listos e entendidos, non van discutir se o mundo se creou en sete días ou tras un chupinazo primixenio, e se o home procede do mono ou dunha cascuda, porque para todo hai versións e para todos unha resposta adecuada ó que se quere oír.

(Este artigo foi publicado na sección de Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

xoves, 1 de decembro de 2022

TIPOS PARTICULARMENTE BRITÁNICOS

Por Pepe de Rocaforte

     


Míster Mulliner é o nome do narrador dunha manchea de relatos de P. G. Wodehouse, reunidos en títulos como “Preséntolle a vostedes a Míster Mulliner”, “As noites de Mulliner”, “Míster Mulliner ten a palabra”, etcétera.

Deste último libro ofrézolle a vostede un extracto do relato titulado “A reverente paixón de Archibaldo”, historia protagonizada por Archibaldo Mulliner, un dos cento e pico de sobriños que circulan polas narracións de míster Mulliner, e a quen poderiamos describir, en palabras do seu tío, como un mozo cunha cabeza de escaso tamaño. No “Club dos Zánganos”, onde o nivel intelectual dos socios non era particularmente elevado, os colegas opinaban que o grandor da cabeza de Archibaldo era máis ou menos o da dun alfinete. Eso dicían algúns, pero os que mellor o coñecían pensaban que, se o seu cerebro fose de seda, non tería material suficiente para lle confeccionar uns calzóns a un canario.

A pesar de, ou tal vez por eso, Archibaldo era feliz. Unha boa descrición del sería a dun home que non vale para nada. Boh, minto: sabía imitar á perfección o canto dunha galiña despois de poñer un ovo e dábase o caso de que o seu grande amor, Aurelia Cammarleigh, era unha fermosísima rapaza para quen non había mellor home no mundo que aquel capaz de imitar á perfección o canto dunha galiña que acaba de poñer o ovo. Archi era sen dúbida o complemento ideal de Aurelia, aquel con quen compartir unha longa vida conxugal, e así o tiña totalmente decidido.

Pero outra personaxe importante neste relato, Meadowes, o axuda de cámara de Archibaldo, home de sólidas ideas comunistas, afiliado a un partido próximo á extrema esquerda, estaba empeñado en facer do seu señor un camarada, e non perdía ocasión de o amolar coa súa insistencia en levalo a coñecer o martirizado proletariado que malvivía por Bottleton East, para dese xeito acabar de animalo a se afiliar á causa.

Así as cousas, unha noite na que Archibaldo estaba na casa só e aborrecido, Meadowes collera o seu día libre, e con Aurelia tivera unha trifulca na que a moza lle largara unha filípica por deixarse guiar polo axuda de cámara, quen, dicía ela, estábao convertendo nun plomadas que a tiña farta con tanto latricar de política. De modo que decidise dunha vez: ou ela, ou Meadowes. E non había máis que dicir.

De modo que, sen nada en que se ocupar, Archibaldo decidiu ir dar unha volta por Bottleton East a ver o que naqueles tristes lugares se cocía, e así iniciouse unha longa sucesión de peripecias que ocuparían demasiado espacio para contar. Só direi que de entrada o noso mozo entrou nunha taberna na que unha boa cantidade de proletarios conversaban animadamente mentres lle daban á priva.


Lembrando algunha película de vaqueiros, Archibaldo achegouse ó barman e cun aceno de abarcar todo o local, exclamou: “¡Sirva a esta xente o que queira, amigo. O gasto corre da miña conta!”. E non vexa vostede como todos os seareiros da taberna o rodearon para escoitar e aplaudir canto lles quixo dicir sobre a situación política do país.

¡Que xente marabillosa! Ó contrario do que lle sucedía cos amigos do Club dos Zánganos, todo canto Archibaldo dicía lle parecía ben. Pero a cousa empezou a cambiar cando o orador botou man ó peto para pagar e se decatou de que lle desaparecera a carteira. Non conto máis porque xa vostede imaxinará por onde seguiu a reste de incidencias que remataría a eso das catro da madrugada cando Archibaldo, feito un bandallo, conseguiu chegar, esposado por un axente de policía, ata a casa de  Aurelia Cammarleigh e, xusto debaixo do seu balcón, autorizado polo seu captor, empezou unha xenial imitación da galiña logo de poñer o ovo. Poucos instantes despois abriríase a porta do balcón para dar paso a Aurelia cos brazos abertos, en roupa de durmir: “¡Archibaldo, meu amor!”

Veume á cabeza esta historia cando, onte mesmo, rematei de ler “Os restos do día”, novela de Kazuo Ishiguro que merquei alá a principios dos pasados anos noventa e que daquela deixei sen ler por ter outros libros tirando máis da miña curiosidade.

Así quedaría por aí durmindo Ishiguro ata que no ano 2017 lle foi concedido o premio Nobel. Entón volvín botar man de “Os restos do día”, que deixei despois dun par de capítulos, dicindo para min: “O de ler historias dun mordomo británico, tendo como teño de man toda unha colección de aventuras de Jeeves, o incomparable mordomo creado por Pelham G. Wodehouse, paréceme unha perda de tempo.

Pero finalmente, por terceira vez, volvín coller “Os restos do día” e nesta ocasión lino enteiro. ¿E que quere que lle diga? Si, a novela está ben, sobre todo ten unhas trinta páxinas finais que elevan moito o ton da historia relatada; pero eu son un fan de Wodehouse desde a miña xa afastada adolescencia, e onde se poñan as aventuras de Reginald Jeeves, referidas en “O inimitable Jeeves”, “O código dos Wooster”, “Gracias, Jeeves”, e outros textos que pode atopar vostede en calquera librería de vello, deixe descansar a quen sexa, aínda que se trate do premio Nobel Kazuo Ishiguro.

Eso si, pódolle aconsellar tamén que vexa vostede a película, en España titulada “Lo que queda del día”, dirixida por James Ivory e protagonizada por Anthony Hopkins e Emma Thompson. Non está nada mal, e se lle costa un pouco ler o libro completo o filme é un bo sucedáneo.