luns, 7 de outubro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (39)


                                                                        O Curmán de Undochán

  
          Na Crónica 29 falábamos de edificios históricos da Cidade Vella montevideana, totalmente promovidos por galegos ou fillos. E prometíamos máis. Pois alá van. Algúns deles mesmo son chamados palacios: Estévez, Santos, Lapido, Iglesias, Díaz... na en certo tempo chamada Ciudad Nueva, continuación daqueloutra histórica, no que outrora fora Campo de Marte. Como pasa tamén aí, aquí esta foise erixindo, xa no século XX, en dominio da nova burguesía.
           
O palacio Santos co infaltábel miradoiro neocolonial   
Limitándonos a aqueles edificios relacionados coa nosa colectividade, obviando, polo tanto, algún tan emblemático como o Palacio Salvo (de itálica orixe, co seu parente menor porteño, o Palacio Barolo da Avda. de Maio: ver Crónica 24), fronte a el temos, para comezar, o Palacio Estévez, na praza Independencia, o grande espazo republicano creado no emprazamento da cidadela colonial. Este Estévez, Francisco, fillo do coruñés José Ma. Estévez Vázquez (dono da casa-quinta do Prado,  hoxe convertida no complexo habitacional Parque Posadas), mandou construir (1874) o que, tempo despóis, reformado, e por cen anos, operou como sede do Goberno e hoxe alberga o Museo de los Presidentes.   
Palacio Lapido
   Internándonos de cheo no territorio do actual Centro urbano e xa no século XX, temos o Palacio Lapido (1933), verdadeira torre que marcou un fito na moderna arquitectura da capital e é recordado como sede do xornal La Tribuna Popular, fundado cincuenta anos antes por José Anto. Lapido Basoco, fillo de pai galego, albergando, ben máis acá (1957) o semanario esquerdista El Popular (en cuxo faiado permaneceron escondidas fotos que recolleran a represión naquela avenida 18 de Julio da nacente ditadura 1973-1985).  
      Nesta propia via principal de Montevideo atópanse dous outros monumentos: o Palacio Iglesias Montero (1925, de descendentes do dono do Palacio Montero da Cidade Vella), na praza Cagancha, en cuxos baixos se situou, durante meio século, o popular e intelectual Café Sorocabana (desa marca do cafeteiro e brasileiro estado de Sao Paulo, co seu rio Sorocaba), e máis o Palacio Díaz, do que falaremos axiña.
            Pois intermedio no espazo e anterior no tempo está o Palacio Santos (de 1886), do feitío de andar único a rentes do chan (ao estilo dos seus semellantes da Cidade Vella), malia o cal é o máis luxoso, como encargado que foi e apenas disfrutado polo Petit Napoléon, o ditador Xral. Máximo Santos (1847-1889), neto do ferrolterrán Bartolomé dos Santos Seixas. Acabou sendo sede do Ministerio de Relaciones Exteriores. (A finca do mesmo Santos, no extrarradio, é hoxe o Museo de la Memoria).    
Palacio  Iglesias Montero
       Finalmente, o Palacio Díaz (1930), esoutro fito arquitectónico da escola de rañaceos art déco neoiorquina, foi encargo dos irmáns dese apelido, fillos de Manuel Díaz e Díaz (acabamos de descobrilo: nativo de Neda). (Para todos estes edificios, ver fotos na Crónica 24).            
    Por suposto que hai outras construcións dignas de seren mencionadas fora de Montevideo: aí están o moderno Edificio Míguez, de Punta del Este, ou o antigo Palacio Tajes, en Canelones, ambos de xentes de orixe galega                                                                                                                     
Esta cuadra é de Xavestre: Virtudes ten a ruda/ virtudes o roméu/ virtudes as mociñas/ que van pra Montevidéu.             


Ningún comentario:

Publicar un comentario