venres, 14 de xuño de 2013

A pedra da serpe, en Gundimil

                                   
            Era tal a praga de serpes que invadía a bisbarra bergantiñá, que as boas xentes que a habitaban non sabían a quen acudir.
            Viñan as mulleres cos feixes de batume ou panasco á cabeza, e de súpeto sentían como lles baixaba pola cabeza e a faciana algunha serpe, cobra ou réptil que entre as follas, arume e ramallada se agochaban, tal que fosen rizos do seu pelo. Viñan os homes do labor e o camiño pragábase de bechas que non lle deixaban pór os pés no chan nin levar o camiño dereito. Descansaba o labrego ó pé dun carballo e aparecía a infecta cobra para chifrarlle na orella o son do desacougo. Metíase o matrimonio na cama, e a serpe tentadora aparecía entre as pernas dos esposos con pecaminosas intencións. Estaba o neno a almorzar a súa cunca de leite e a cobra lambona aparecía sobre a mesa para lamber do mesmo leite có cativo.
            As serpes  non deixaban facer vida e xa non se sabía a quen acudir nin que remedio usar contra tan repugnantes réptiles, cando chegou ós paisanos a fama dun santo varón que andaba pola terra traéndolle a paz e a felicidade á xente, e non dubidaron en chamalo.
            Santo Adrián acudiu axiña en auxilio dos paisanos, e aquí, en Gundimil, moi preto de Corme, chantou o seu bastón no chan e convocou a todas as serpes do reino, que recluíu baixo a pedra de Gundimil.

                        Iso máis ou menos nos conta a lenda, para xustificar a existencia desta laxe, en que aparece gravada unha serpe alada ou dragón, á que o cristianismo lle chantou unha cruz encima.
            Etnógrafos como Risco falan da existencia dunha cultura precristiá con culto ás serpes que os cristianismo erradicou e se amosa na simbiose desta pedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario