venres, 14 de xuño de 2013

O santo Antonio das Neves, en Malpica

            Xa atardecía, cando volvíamos do noso percorrido polas terras bergantiñás, na procura de distintas manifestacións de devoción a santo Antonio de Padua, natural de Lisboa, avogoso das mozas casadeiras e, por unha transposición de nomes, a quen tamén se implora polo coidado dos animais.
            Non se pode dicir onde se encontra a devoción máis fervente ou a manifestación cultural, etnográfica, festiva e de culto máis rica e xenuína, pero hoxe, queremos deternos no santo Antonio das Neves, en Malpica. Unha pequena capeliña que pasa desapercibida, que se sitúa como un miradoiro sobre o mar ártabro.
            Queda esta capeliña, polo tanto, algo arredada do porto e vila malpicá, e ábrese moi poucas veces, e unha desas veces é para celebrar o santo Antonio do 13 de xuño. A outra ocasión é cando se celebra á patroa, o cinco de agosto.
            Cóntannos unha señoras que atenden o templo, que unha lenda refire cando un paisano quixo facer esta capela, e buscando sitio encontrou, un cinco de agosto, esta zona nevada, polo que interpretou que aquí había de construírse o templo dedicado a Nosa Señora das Neves. Como se ve, esta é a mesma lenda que se conta da construcción do templo que baixo esta mesma advocación lle dedicou un nobre romano, no monte Esquilino, a Nosa Señora, en tempos do papa Liberio (352-366dC).
            O altar con retablo de feituras barrocas populares e tardías, mantense como antes do Concilio Vaticano II, posto que non hai altar cara ó público, e cando se fai misa traen unha mesa sobre a que colocan a ara para celebrar.
            O retablo, presidido pola patroa, unha virxe morena vestida de branco, soportada por anxiño de esforzado rostro, ten nos distintos nichos a un santo Antón co seu porquiño, san Roque co se can, que neste caso semella gabear polo caxato do santo peregrino, un santo Antonio co seu neniño sobre o libro e outro santo que non sabemos identificar por mor da cor do hábito (pintado de gris, seguramente con boa fe por algún veciño sen aterse ás normas para facilitar a identificación dos santos), e da falta de atributos identificadores, pero que coidamos sexa un santo Antonio desfigurado, tal vez máis antigo có actual, que ten ó lado un san Pancracio.
    
       
Aínda que a capeliña ten feituras do século XIX, por dentro as imaxes son dunha potencia creadora impresionante, e de todas elas sobresae un san Francisco que se hospeda nun nicho ou fornela lateral, en pose algo inclinada, como resignado, pola súa humildade, a recibir o aprecio e cariño da freguesía, amasando os estigmas das mans que impresiona pola basta feitura, simple pero cargado dunha impresionante forza emotiva que se transmite ós que o observamos.

            Os devotos veciños son os que se prestan para conectar a luz do templo, e nesta ocasión, doan as flores con que se honra ó santo para facer as alfombras florais dentro do templo, e para as que, ademais dos petalos se usa para as cores marrón e marrón máis claro, a cáscara do pino machucada e os arumes tamén machucados. E por mor delas, e do pequeno que é o templo, ós asistentes á misa han de facelo desde o adro.
            A procesión sae sobre un chan onde se espallan flores e vai ata un cruceiro próximo, tos típicos das terras bergantiñás, onde se pode ver un círculo inscrito nos brazos da cruz, unha forma própia da bisbarra, asemade rodeado de flores.
            Haberá que seguir buscando información, porque todo nos parece que este lugar ten unha carga histórica moito máis profunda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario