mércores, 5 de xuño de 2013

O conto do lagarto

Pasou o longo inverno, e xa se ven os lagartos asollando fóra do seu cubil..
Antonte, cruzóuseme un nunha aldea que case semellaba un crocodilo, pero non, era un deses lagartos verdes ou verdellos, ben alimentado, polo que se vía, que me lembrou aquela historia que un meu tío-avó me contaba de cando andaba polo monte cazando, sen encontrar nada, cando, de súpeto, se lle puxo diante un lagarto descomunal que o asustou, tanto, que se viu forzado a apuntalo coa súa escopeta. Pero entón o animal, erguendo a cabeza mirouno e rogoulle, “Tranquilo home, non me dispares que non che fixen mal”.
            Sen dúbida que meu tío-avó houbo de coller moito medo nese intre, tal que o dedo do gatillo ficou teso coma un garabullo, e entón o lagarto invitouno a sentar e falar, propoñéndolle que se facía o que lle ía encargar había de facelo rico para sempre. Atendeu meu tío e a proposta era que había de levarlle a unha das fillas para dicirlle a ela como facer para gañar o prometido tesouro.
            O home, poñédevos no caso, volveu á casa caviloso, tanto que nin mentres xantaba erguía a vista do chan ou do prato, e cando a muller lle preguntaba pola causa das súas cavilación, el non lle dicía nada.
            Despois de xantar, foi tentando ás fillas para ver que pensaban da proposta que lles traía, e se a máis vella non quería cartos nin carteira só por non ver aquel becho diante, a segunda persignouse catro veces, unha por cada persoa da Santísima Trindade e unha terceira de propina, pero ela non ía ir a xunto de tal encanto. Pero a pequena, despois de cavilar un pouco, aceptou, que quen non arrisca nada ten. E aló foron.
            Cando o lagarto os viu vir, saíu do seu agachadoiro e mandou que o pai se fose e volvese ó cabo dun ano, mentres á rapaza lle encomendaba que fose a un enderezo que lle amosou nun papel e que nesa casa pedise traballo, e por moito que insistan en pagarlle, que ela nunca queira cobrar. Ademais o lagarto deulle unha cuncha máxica, que faría todo o que ela lle mandase. E así foi que, polo camiño, pedíndollo á cuncha, os homes non se metían con ela, calmaba ós nenos choróns e non chovía nin asollaba. Andando chegou ó enderezo indicado, pediu traballo e déronllo de panadeira. E como na casa había tres aprendices que ó vela quixeron facerlle as beiras, cada día un deles ía a roldala e cada día ela pedíalle á cuncha que o pretendente amasase, roxase o forno e enfornase, e aínda logo, pola mañá, cando había de ir á praza a vender o pan, por arte meiga da cuncha tamén vendía antes ca ningunha das panadeiras da competencia. E como tanta sorte non ten bos ollos, as veciñas acusárona de bruxa e os alguacís levárona ó xuíz. Pero alí, coa cuncha na man, argallou que todos a visen chegar nun fermoso galado custodiado polos mozos da tafona, que os xuíces, policías, testemuñas e curiosos discutisen e pelexasen ata que a ela lle pareceu que xa estaba ben e debían facer as paces, co que os mesmos que a acusaban e a xulgaban a perdoaron e puido volver á casa do seu amo libre de culpa. E ó tempo cumprido volveu, con seu pai, a carón do lagarto que a estaba agardando, quen ó vela se transformou nun guapo mozo, quen lles dixo que era un encanto que, sen máis demora, quería casar coa rapaza.
            O que nunca souben foi cal dos meus tres tíos era o lagarto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario