domingo, 16 de xuño de 2013

Santo Adrián de Malpica

            Falar de santo Adrián é falar de Malpica de Bergantiños, e do fermoso santuario fronte ás illas Sisargas, ata onde o levaron a semana pasada, en procesión desde a igrexa parroquial. Un santo a quen Carlos lle dedicou unha fermosa cantiga a modo de invocación:
San Adrián, aparta as pestes da terra
e o temporal do mar.
            E hoxe, 16 de xuño, foi o santo Adrián de Malpica a festa grande do grande porto, a onde acoden os romeiros para pedirlle, entre outras moitas cousas, a cura das infeccións cutáneas, verrugas e eccemas, lavándose na fonte do santo e deixando logo o pano a secar, e así, cando o pano seque, suponse que seca o mal, ou que o mal cura.
            Pero coma sempre, cando se pide, pídase con devoción, que se non, como o santo pense que o devoto o toma a chacota, pode ser moi vingativo
Meu señor san Adrián
é  un santo moi milagreiro,
pedinlle un home bonito
doume un cara de Carneiro.
            Pero quizabes, a especialidade do santo sexa a protección dos mariñeiros da Costa da Morte, á fin tamén el fixo as veces de patrón, despois de sufrir martirio, para dirixir a barca onde ía a súa esposa Natalia (tamén santa) a terra de cristiáns.

2 comentarios:

  1. É moi curioso isto que contas sobre as enfermidades da pel. Eu creo que ista tradición é tamén moi arraigada na capela de San Bieito, nas faldas do Monte Tahúme (Ribeira), e na ermida da Madanela (Porto do Son).
    Nos arredores destes lugares están cheos de pañuelos brancos salpicando o paisaxe, como si dunha nevada costera tratásese.

    Despois de isto, a miña pregunta é a seguinte: ¿Cales poden ser os oríxenes destas tradicións?

    ResponderEliminar
  2. En Galiza, fontes con poderes curativos hai mogollón. Practicamente cada santo ten a súa fonte. E fóra de Galiza tamén. A auga foi sempre un elemento purificador, e máis aínda se está bendita ou se mana preto dun santuario, tanto para beber como para lavarse. Se as doenzas son de dentro do corpo, a auga bébese, e se fóra, lávase a parte danada. Pero aquí tamén debemos facer notar que tanto este santo Adrián como outros santos que ti citas, teñen a súa festividade nos meses de verán, nos que o feito de mergullar o corpo na auga sempre é máis doado. E se segues este caderno verás que esta práctica chega ata o mes de setembro, e aínda hai casos que se alongan como a Escravitude ou Nosa Señora de Pastoriza en outubro, que tamén teñen a súa fonte santa, pero como xa está chegando o frío, os devotos prefiren bebela a lavarse con ela.

    ResponderEliminar