Con sardiñada ou sen ela, o san Xoán é máis laico ca relixioso. Máis precristiá en ritos ca cristián en culto. Á fin celebramos un dos máis antergos cultos ó sol.
Por iso, aínda que é tempo de festa, non está de máis advertir que no medio das risas sempre anda algún mal meigallo
Ollo ós mozos que andan preto de lugares acuosos na amañecida desta data, que é cando as Xacias, poboadoras das fontes e dos regatos, que moran maiormente nos máis profundos pozos do Miño saen a pescar home, amosando os seus encantos e insinuacións, pois só casando poden volverse humanas, pero quen con elas casa vivirá na desgracia, pois din que ata teñen costumes antropófagas.
Tamén nesta madrugada andan polo mundo as Xanas, esa especie de ninfas galegas, fermosas e de encantadora voz, afeccionadas a fiar a carón das fontes e dos ríos, con roca de ouro, ofrecendo os tesouros que agochan nalgún dolmen, mámoa ou castro a quen saiba resolver algún enigma.
¿Son parentes Xanas e Xacias?. Coido que algo han de ter que ver entre si.
En fin, ollo, que xa temos aquí o san Xoán e o mundo énchese de maxia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario