martes, 11 de xuño de 2013

Minimalismo nun hórreo de ferranchos

Este hórreo é feo. Ninguén o poñería no xardín do seu chalé nin sae en ningunha guía turística, pero é arquitectura popular.
Antes de seguir debemos aclarar que arte e arquitectura non sempre van da man. Pero tamén debemos ter presente que non sempre a obra artística é do gusto do observador.
A arquitectura popular defínese como aquela que dá solución a problemas propios do medio en que se executa con materiais propios da zona ou doados de encontrar; por iso é popular o uso da pedra de gran en Galiza e a pallabarro en Castela. E este hórreo soluciona os problemas derivados da humidade e o secado do gran substituíndo as regañas clásicas polo arame de rede e os pés que o erguen do chan. Asemade, o tipo de textura do ferro usado para pés evita a subida de roedores, co que se evita a necesidade do tornarratos. E todo isto botando man de materiais baratos e doados de atopar e usar. Este hórreo, lixeiro de peso pero adornado cos símbolos protectores, o pináculo con reminiscencias fálicas precristiás e a cruz, pódese montar nunha mañá e dá o mesmo resultado co de Carnota.
Iso non evita que sexa feo segundo os canons que seguimos maioritariamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario