venres, 2 de maio de 2014

A milagreira fonte de Aranga




Cóntase que certa noite, cando unhas mulleres pasaban por un dos camiños que leva á ponte de Aranga, escoitaron o son dunha campaíña que saía do fondo da terra atraendo a súa curiosidade, pero ó mesmo tempo tiveron medo de que aquilo non fose cousa boa, e fuxiron para contarlle ó crego o que lles acababa de suceder. Mais cando na compaña do crego e de quen ó grupo se xuntou, se puxeron a cavar na procura daquela soadora campaíña soterrada, atoparon que esta penduraba dunha cruz de brazos iguais, que asemade portaba unha cazoliña no cruce de tales brazos, e cadansúa máis no cabo dos mesmos.
E cando os veciños foron a collela, no seu sitio brotou un chorro de auga que deu lugar á fonte que desde entón non deixou de manar. Unha auga que, co tempo, demostrou ser eficaz para facilitarlle a aqueles matrimonios que non poden ter descendencia acadala, tras lavarse os xenitais con ela.

A cruz, de estilo visigodo, seguramente xa fora usada con anterioridade ó seu achádego en ritos de fertilidade, espallando a auga contida nas súas cazoletiñas polas fincas e os animais, unha función que dalgún xeito a Igrexa recuperou a partir da memoria dalgún ritual previo, e que agora, desde o século X ou XI, en que foi recuperada, en que tivo lugar o seu descubrimento, reune ós romeiros cada tres de maio para pedir por iso tan evanxélico da multiplicación dos bens, do de dar cento por un, e así, a auga recolleita en frascos e pasada por ela, espállase polos campos e bótaselle ós animais para favorecer o crecemento e a fecundidade, ademais de ter demostrado o seu poder para espantar ós insectos malignos ou inoportunos que trae a calor do verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario