mércores, 21 de maio de 2014

O cruceiro de Coveliño, en Boiro




Aquel costume de que falabamos cando nos referimos a santo Alberte da Conlleira, de virar a tella co fin de que cambiase o vento para axudarlle ós mariñeiros a vir con ben para terra, tamén se dá no lugar de Coveliño, en Cespón, no concello de Boiro, segundo nos conta Castelao, só que aquí, na vez de virar unha tella dáselle a volta á posición da imaxe da Virxe que hai na capela do cruceiro do lugar, poñéndoa cara aquel punto do compás de onde queremos que veña o vento.
Tamén lembramos neste punto que unha das singularidades da Santa de Moldes (que como tal se coñece, e non como Virxe), é o feito de que se virase de costas durante un temporal.
E curiosamente, se en Moldes había restos de mámoas, aquí, a poucos metros do cruceiro de Coveliño consérvase un petroglifo do que non se decatou o mesmo Castelao, coñecido como a pedra da Cabra,  por ter un cérvido ou cabuxa gravada,
indicándonos que era un lugar de claro culto precristián do que supoñemos que a Virxe herdou as virtudes e a devoción que algunha outra divindade anterior tiña. E entón preguntámonos ¿quen era esa outra divindade protectora que en tempos precristiáns se invocaba para que o tempo favorecese ós paisanos?. ¿Seria un tal Berobreo, a quen os nosos antepasados adoraban en outeiros desde os que se podía ver o mar e a quen lle pedían pola saúde?. Eis a dúbida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario