venres, 9 de maio de 2014

MAN DE CAMELLE




Por Pepe de Rocaforte
     
                                   Intervención paisaxística de Man en Camelle
      
Segundo el mesmo me contou, Man decidiu abandonar o seu país cando as cidades arrasadas polos ataques aéreos anglo-americanos na Segunda Guerra Mundial empezaron a ser reconstruídas tal como eran con anterioridade. Aquela reconstrucción pareceulle un fraude, unha falsidade coa que o pobo alemán intentaba borrar da memoria o seu pasado máis recente, idea en certo modo coincidente coa de W. G. Sebald, exposta no seu libro de 1999 “Sobre a Historia Natural da Destrucción”, particularmente no ensaio inicial, “Guerra aérea e literatura”.
            En total desacordo coa actitude dos seus compatriotas, Man marchou, en primeiro lugar a Italia, pero ansioso de afastarse dos alemáns e da Humanidade en xeral, ó non atopar alí a soidade buscada, acabou por recalar na Costa da Morte galega.
Dresde bombardeado na Segunda Guerra Mundial
            Esta información cumpriría matizala. Posiblemente as intencións de Man non evolucionasen exactamente así. A min falárame algunha vez da súa aproximación ó ioga e ás filosofías orientais da man de Schopenhauer, por quen sentía verdadeira veneración e de quen estimaba ter collido en boa medida a idea de fuxida do mundo. E de aí nacería un dos motivos impulsores da súa peregrinaxe.
            Sobre a influencia do pensamento de Schopenhauer sobre el sei, porque mo dixo, que, seguindo a súa liña, escribira unha boa presada de aforismos. Traduciume algúns, pero xa non me lembro deles. Así e todo, aínda descoñecendo o contido dos seus escritos, tal vez pagase a pena, creo, que alguén coñecedor do alemán lle botase unha ollada, se non están xa perdidos, ou destruídos, como vai sucedendo coa súa obra escultórica.
            Por certo, entre as miñas fotos, algunha tróuxome á memoria a destrucción de Dresde. Póñoa aquí para que, se a alguén lle interesa, busque parecidos. ¿Tería Man, consciente ou inconscientemente, esa idea cando amoreaba pedras arredor do seu caseto de Camelle?

4 comentarios:

  1. Por aquilo de encadrar cada estilo, sempre quixen ver nestas construccións de Man un exemplo de Land Art en Galiza, e creo que segundo Pepe, a inspiración desta ben pode estar nesa imaxe de pedras amontoadas ou derrubadas que nalgún intre debeu impregnar a retina de Man. Por certo, que tamén corre por aí a idea de que este home vén dar aquí atraído por unha moza.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se non me engaño, a atracción pola moza foi posterior á súa chegada a Camelle.

      Eliminar
  2. É a primeira vez que leo algo tan delicado e respectuoso sobre Man como estas dúas achegas de Pepe de Rocaforte. E dáme a sensación de que aínda nos pode aportar máis datos sobre a biografía e a obra deste home singular e cheo de misterio. O recordo que eu teño de Man é o da súa delicadeza e o seu porte: estouno vendo saír da súa humilde casoupa como un príncipe do seu palacio. Coa mesma dignidade.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas gracias por este comentario tan amable. Direille que efectivamente teño algunhas cousas gardadas sobre Man, pero teño tamén o problema de ser un desastre para atopar onde se encontran. Precisamente nestes días busquei uns casetes con gravacións que lle fixen e non fun capaz de dar con eles. E o máis triste é que teño medo de que a estas alturas, despois do tempo transcorrido, non sei se estarán en condicións de ser reproducidos debidamente.

      Eliminar