Díaz Castro |
E
digo Idioma e non Letras, porque cada ano, en chegando a estas datas sinto a
dor dunha inxustiza e a mágoa dun esquecemento, porque celebrar as letras e
esquecer a fala é como lavar media cara e deixar a roña na outra media. Mais os
camiños da vida son así, e pouco a pouco imos andando. Como nos ensina Díaz
Castro: “Un paso adiante e outro atrás,
Galiza,/ e a tea dos teus soños non se move/ a esperanza nos teus ollos se
espreguiza,/ aran os bois e chove”. E en chovendo e arando xa a terra vai
regada e aireada e ó final a semente dará froito. Agardamos.
Quero
ser optimista, a pesar de que a dor desta inxustiza de que falo nestes días
sempre empeza cando, sen lle quitar méritos a ninguén, me pregunto cal foi o
tremendo pecado cometido por don Ricardo Carballo Calero para que os académicos
se sigan esquecendo del á hora de outorgarlle o recoñecemento que se merece,
del que foi un referente recoñecido na defensa e promoción do idioma. E xa sei
que, dito isto, aínda haberá quen lle queira poñer puntos ás is. Pero, se a iso
vamos, ¿cantos eruditos se poden comparar con el no que ó estudio da nosa
literatura se lle debe?, ¿cantas veces non puxemos en dúbida o valor dalgún
outro homenaxeado?, ¿cantas veces non nos preguntamos quen era ese da foto?. E
así, sen quitarlle méritos a ninguén, eu que, como vedes, escribo coa normativa
oficial, un ano máis hei de denunciar o que ó meu entender é un inxusto
esquecemento; anque tamén agardo que chegue a cumprirse esa afirmación de Díaz
Castro: “Traguerán algún día os camiños a
xente que levaron”; e aínda que el se refira á sangría da emigración, eu meto
no paquete estoutros esquecementos.
Carballo Calero |
Tamén
sei que un día non fai ano, como unha palla non fai palleiro, pero todo axuda.
Asemade, cando escoito iso do Día das Letras, sinto as do coxo que coida máis a
muleta ca perna, pois se as letras son importantes non o é menos a fala, e por
iso nestes días sempre me vén á memoria o dezaoito de maio de 1916, cando se
crearon aquelas agrupacións chamadas “As Irmandades da Fala”, que pretendían
revalorizar o idioma falado e crearon grupos de teatro, xeralizaron o emprego
do galego en todos os ámbitos da vida, promocionaron e animaron a falar unha
lingua que desde outras instancias pretendían afogar, unhas entidades creadas
xusto no aniversario do bautismo de Murguía. E así volvo, unha vez máis, a
facerme eco daquela proposta que se fixera desde a Agrupación Cultural O Facho,
da Coruña, a principios da década dos oitenta para que ó día das Letras se
unise un día da Fala, porque un idioma non é só a ortografía con que se
escribe, senón tamén as palabras con que nos expresamos, e grazas á fala aínda
temos idioma.
Membros das Irmandades da Fala na Coruña en 1916 |
Xa
sei que isto non vai mellorar a crise nin os males económicos que nos invaden, pero
reforzará a nosa identidade como pobo e como etnia, anque un día de celebración,
usando os versos de Díaz Castro, non sexa máis ca “unha estrela que se perde no día”, pero tamén coas súas palabras
digo que “a luz do mundo é a que arde
nunha bágoa”, e xa sabedes que as bágoas evapóranse a moi baixa temperatura.
Por iso non canso de pedir e reclamar esas dúas cousas que aínda faltan: que
don Ricardo teña o seu día das Letras e que o día da Fala sexa o outro pé da
grande festa do idioma que debemos celebrarifa.
Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario