domingo, 4 de maio de 2014

A Santa Cruz de Laza




   
         Sorprendente pola variedade ritual e simbólica que encerra esta celebración de Laza, sobre a que escribiron Taboada Chivite, Fernández Oxeda, Filgueira Valverde ou Vicente Risco, entre outros, e onde como imos ver, a principal figura, unha vez máis, e o triunfo da vida.
            Os festexos da Santa Cruz comezan no atardecer do día antes da festa, cando os mozos da parroquia van á procura dun longo pino que traen ata a parroquia para chantar no medio do campo da feira despois de cortarlle as ramas, un pino que eles chaman o Maio, que vai presidir todos os festexos, pero que a nós nos lembra as festas romanas de Marzo, en que un pino simbolizaba a figura de Priapo, o deus da fertilidade e era levado ata o cento da cidade. Un pino, este, que ha de ser “roubado”. Claro que é un roubo ritual, mediante o cal o elemento acada o valor dunha especie de tesouro que lle aporta á comunidade o ben que pertencía a outra, e como os bens nin se dan, nin se prestan, nin se venden, ha de ser “roubado”.
            O día tres (agora trátase de cambiar o día para o domingo máis próximo), desde que as primeiras bombas anuncian a alborada, vai ser un día no que o relixioso e o profano se mesturan. Ou, para ser máis exactos, onde o simbolismo precristián e o cristián se mesturan.
            O principal do festexo comeza pouco antes do mediodía, cando desde un lugar da parroquia saen os danzantes, seis mozos, acompañando ó Adán, un home vello que carga con instrumentos de labrego, así como as figuras de Abraham, o anxo e Isaac, que desfilan precedidos por un alto ramo de loureiro do que penduran varias cintas de cor, un bolo de pan (agora ponse un biscoito), e un galo vivo, segundo o señor que portaba o ramo, porque se non hai galo non hai ovos. Á fin o galo é o canto do amencer, o saúdo ó deus sol, quen lle dá a benvida á luz do día; e o pan é o alimento, símbolo de fartura como o loureiro o é de vida por ser unha planta de folla perenne.
            E habemos de dicir que este loureiro teñen que traelo de fóra da parroquia, porque en Laza, segundo o noso informante, non hai loureiros. Ou ó menos non os había cando nós participamos nesta celebración.
            A comitiva desfila ata a casa na que está a Eva, unha moza cuxa identidade non se revela ata o día da festa, a cal aparece vestida de branco, e acollida con piropos por parte dos mozos; trae na man unha roca de fiar e do brazo dereito colga un cestiño onde porta tres laranxas, máis sabemos por información recollida de don Xosé Ramón Fernández Oxea, que no pasado a moza estaba coroada cunha grilanda de flores e no cesto portaba tres mazás. Tamén que, antigamente, o Adán era un vello que fixese rir pois a súa función e facer rir a Eva, que durante todo o percorrido se mantén moi seria, á fin, e segundo a tradición bíblica, sobre ela cae o peso da maternidade de toda a humanidade. E ¿por que ha de facela rir?. Pois porque o acto de procreación no que Adán vai participar, é á fin un acto alegre como é todo acto no que se basea a esperanza dun futuro próspero.
            Tras a aparición da Eva na porta da casa execútase a primeira danza, e xa con ela ó lado do Adán camiñan no medio de toda o grupo e do público que se lles une ata a igrexa onde, tras unha nova danza, as imaxes relixiosas saen do templo para unirse á comitiva e percorrer en procesión as rúas de Laza, parando en distintos puntos do lugar para executar de cada vez a danza característica. E en todo o percorrido o elemento profano e o relixioso, ou sexa, o ramo con todos os elementos simbólicos citados e o estandarte da Santa Cruz camiñan á par diante da procesión.
            Cando chagan ó centro da vila, á praza da Picota, nun escenario preparado ó efecto, mentres os personaxes vestidos de Abraham, Isaac e o anxo, representan a escena bíblica do sacrificio de Isaac, o narrador acaba lembrando a promesa de Deus ó patriarca, de que a súa descendencia será tan grande como as estrelas do ceo e as areas do mar.

            Xa para finalizar o acto despois de que a procesión se recolleu, Eva volve á casa e sae ó balcón para que os danzantes executen unha última danza, tras a cal todos se botan a correr, e ó gañador, Eva dálle de galano as froitas que porta na súa cestiña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario