Por Pepe de Rocaforte
Co paso dos anos un vaise facendo
máis vello, é cousa sabida, e tamén máis atrabiliario. Cada vez cústalle máis
traballo coutar o desacougo cando nun transporte público de longa distancia,
poño por caso o tren, observa como a xente fala, máis que para o compañeiro con
quen viaxa, para o resto de ocupantes do coche, entremeténdose continuamente
para lle frustrar o goce da abstracción meditativa, ou durmidora, e ata a
contemplación da paisaxe, cousa por outra parte máis difícil a cada paso. Se a
velocidade do vehículo que te transporta empeza a subir dos 250
quilómetros/hora, a paisaxe desaparece da túa vista antes de ti poder empezar a
asimilala. Canta razón tiña o vello don Vicente Risco cando non se cansaba de
repetir unha vez e outra que as verdadeiras viaxes deberíanse facer a pé.
Así mesmo constatas outro feito que
vén incrementar os teus temores sobre a diminución acelerada dos adictos á
lectura. Antes, unha das imaxes máis reiteradas nos transportes colectivos das
grandes cidades, digamos por exemplo o metro, era a da xente (mozas nunha
porcentaxe elevada) cun libro nas mans, abstraída na lectura.
Hoxe ves esas mesmas mozas e mozos
absortos nas pantallas dos seus teléfonos móbiles, iPad, iPhone, ou como demo
se chamen, lendo ou tecleando mensaxes. E a cada dous por tres o son avisador
da entrada dun whatsapp, que naturalmente deben atender coa máxima celeridade,
non se vaian atrasar na recepción dunha noticia imprescindible para a boa
marcha da súa vida.
En fin, comprobas como, máis nocivos
que os libros electrónicos, en realidade estimuladores da lectura, aínda sen a
maxia do papel impreso tan amada polo gremio obsoleto dos lectores
tradicionais, estes novos artefactos de (in)comunicación están derrotando
claramente ás/ós lectores/lectoras de libros camiño, ou de regreso, do
traballo.
En fin, cousas desalentadoras que se
che ocorren saíndo da casa, pero a pesar delas continúas coa afección viaxeira
para aportar de vez en cando un pouco de aire fresco á rutina diaria, aínda
que a viaxe che confirme a que velocidade, en moitas ocasións para mal, están
cambiando as cousas neste mundo dos nosos pecados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario