sábado, 10 de maio de 2014

Nosa Señora de Moldes (A Pobra do Caramiñal)



   
         Nosa Señora de Moldes ou Nosa Señora de Belén, en Moldes, máis coñecida entre a veciñanza como a Santa de Moldes, é un cruceiro de capela, típico da Barbanza, que está nun cruce de camiños na baixada da Curota, nun lugar onde aínda se conservan os restos de varias mámoas. Está mirando para leste, mais, se lle preguntamos a algún dos moitos romeiros que este segundo domingo de maio a veneran, para onde mira, diranvos que lle dá as costas ó mar. Para calquera da veciñanza de Moldes, a Virxe non mira, senón que lle dá as costas. Sen embargo non sempre estivo así.
            A historia parece ser que se remonta a un tempo no que aló contra onde hoxe está Corrubedo, houbo unha aldea chamada Valverde, habitada por malas persoas, por xente que na vez de levar unha vida de axuda ós demais, de colaboración e caridade, dedicábanse a facer todo tipo de falcatruadas, maldades e delictos contra calquera que se cruzase con eles. E tanta maldade merecía un castigo, polo que Xesuscristo, querendo poñer orde nas endiañadas persoas, baixou á terra e encamiñouse a aquela aldea, mais no seu camiño tivo que pasar por Moldes, onde estaba a Virxe, quen lle preguntou a onde ía.
            -Vou castigar a eses malvados.

            A Virxe apiadada do que intuía que ía ser o tal castigo, rogoulle que lles perdoase, e tanto lle rogou que o Fillo prometeulle que, de encontrar a unha persoa boa na aldea, a unha soa persoa que tivese un mínimo de humanidade, non os castigaría coa furia que tiña pensado. Mais foi o caso que non atopou a ninguén que lle dese unha esmola ou acubillo nun palleiro, polo que decidiu consumar o castigo pensado, e daquela levantouse un temporal de chuvia e vento, de xigantescas ondas mariñas, de area e lume, todo mesturado para asolar aquela aldea, estendendo a dor e a desesperación dos paisanos ata sepultala baixo o que hoxe son as dunas de Corrubedo. Era tal a angustia e a cólera sufrida por aquela xente, que a Virxe non podía mirar para aquel inferno, non podía ver o que aló ocorría, e daquela virándose de costas pronunciou as palabras que todos na bisbarra coñecen de memoria: “Non quero ver tal nin tal ver”.
            E por iso, desde entón, está de costas ó mar. E tamén de costas a unha parroquia chamada Bretal, cuxo nome tal vez teña a súa orixe nas palabras por ela pronunciadas. Sen embargo, para que os veciños non se esquezan do alí sucedido, cando o mal tempo ameaza aquelas terras, desde o fondo das dunas aínda se sente a campá da igrexa soterrada, repenicando con furia, para avisar de que vén o temporal.

1 comentario:

  1. Acaban de contarme que, cando foi da guerra incivil as esposas dos homes que estaban na guerra ían en peregrinación ata este santuario, e en canto vían o cruceiro acercábanse a el avanzando de xeonllos, pedíndolle á Virxe a súa intervención en favor dos maridos.

    ResponderEliminar