xoves, 8 de maio de 2014

O gando miúdo




     
       Ás abellas tamén se lles chama o gando miúdo, porque, aínda que non se levan atadas co cabestro nin con rello ou adival, son unha fonte de riqueza para a casa que as ten. Os seus productos fornecían de cera e de mel tanto para o consumo propio como para vender.
            E como gando que é, aínda que sexa miúdo, este forma parte da facenda, e polo tanto protéxese ata o punto de que, cando non hai espacio fóra da casa para instalar as colmeas, cobos, cortizos ou trobos, ou o espacio que hai precísase para outros mesteres, ábreselles nunha das paredes da casa un oco para telas a cuberto e mellor resgardadas cando chega o inverno.
            Estas colmeas están orientadas a sur, e distinguímolas porque están formadas por unha ampla laxe apoiada en vertical sobre unha soleira, tendo, nesta base un pequeno oco para darlle entrada ás abellas. Semella todo o conxunto unha fiestra cega. Logo, a recolección do mel e da cera faise desde dentro da casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario