xoves, 22 de maio de 2014

A CIDADE E AS SERRAS




Por Pepe de Rocaforte
            Hoxe enfrenteime ó teclado coa idea de falar de política, do asqueado que estou de moitos partidos políticos, pero penseino mellor e pareceume máis conveniente cambiar de tercio. Vaiamos con libros, que nos dan maiores satisfaccións.
            Lin por primeira vez “A cidade e as serras” hai moitos anos. Tantos que esquecera por completo o seu contido. Cólloa agora e paréceme lela por primeira vez, tan borrada a tiña da memoria.
            Eça foi unha das miñas devocións literarias en portugués. Hoxe continúo estimando títulos seus como “O crime do Padre Amaro”, “O primo Basilio” e “Os Maias” entre as grandes novelas do século XIX.
            Agora a relectura da súa novela póstuma enfríame un pouco o entusiasmo polo escritor de Póvoa de Varzim e faime lembrar un comentario, que no seu día me estrañou, de Lobo Antunes sobre a ironía provinciana ou de sal gordo deste autor. Non lembro con exactitude as palabras do novelista lisboeta, pero recórdoas como escasamente caritativas.

            “A cidade e as serras” parece darlle un pouco a razón a Lobo Antunes. A novela, cun asunto abordado antes e con máis elegancia polo bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara en “Menosprecio de Corte y Alabanza de Aldea”, excédese dun xeito caricaturesco ó destacar os adiantos da vida parisina, a fin de louvar como contraste a feliz vida campestre. E, tamén, para deixar pampo ó lector portugués medio do seu tempo coas comodidades incribles ofrecidas ós favorecidos pola fortuna nunha cidade tan chic como o París de fins do século XIX.
            O resultado é pouco afortunado. Por outra parte o desenvolvemento da historia faise excesivamente previsible e tan só podería ofrecer sorpresa nunha posible variante insinuada alá contra o final, cando os veciños montañeses de Tormes sospeitan que o regreso do Señor prodúcese co fin de colaborar nun intento de restauración miguelista. Pero ese camiño cérrase sen nin sequera chegar a abrilo e o relato continúa o curso previsto.
            Resultáronme curiosas, eso si, as relacións afectivas entre protagonista e narrador e non estaría mal pararse a analizar, a escaravellar un pou­co, na amizade deses dous varóns adultos, solteiros, que conviven na casa-palacio dun deles, que se intercambian roupa, se preciso for, e que manteñen en común unha longa serie de gustos e afinidades cando menos curiosas.
            Deixo a suxerencia por se a alguén lle paga a pena pararse a estudialas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario