Cortegada vén sendo unha illa
misteriosa, unha illa que non é illa senón península cando a marea baixa o
suficiente, tanto que aínda se conservan as laxes dun camiño de pedra polo que
ían os carros desde Carril ata as leiras e terras de cultivo que alí había.
Pero hoxe parámonos neste carballo nacido na linde dunha desas leiras,
limitadas por muros de pedras, e que, segundo algúns, de tan próxima unha desas
pedras ficou atrapada no tronco que, a medida que a árbore crecía ía asíndoa e
tragándoa, ata que forma parte del mesmo.
Pero
isto só é un conto, a verdade é que este carballo que aquí vedes é un “Carballo
come-ovellas”, que cada vez que un rabaño de ovellas pasaba a carón del, el
botáballe a boca e papábaa. E como tal cousa non é de crer nin de agardar, os
paisanos da illa mandaron a un cativo a vixiar en que punto do traxecto, entre
o curral e os pastos se perdía cada noite unha ovella, quen era o ladrón e onde
se agochaba; e foi o rapaz quen viu como, ó paso do rabaño o carballo semellaba
esperguizarse dun longo sono e papaba, silandeiramente á máis retrasada; e era o carballo que o rapaz viu e sentiu
rumiar para acabar de devorala, e tamén foi o rapaz quen foi contalo a aldea e
a quen por dicir tal tomaron por toliño e fantasioso.
Mais
tanto insistiu o cativo, que os paisanos quixeron comprobar se tal era así,
dado que aquel xuraba polo divino e o humano que el mesmo vira ó carballo
roendo a última ovella, e asentáronse no bosque observaron o que acontecía, e
efectivamente, cando a última ovella do rabaño pasaba, o carballo botoulle a
boca, e entón dous dos máis valentes e ousados homes de Cortegada apuráronse a
suxeitarlle as mandíbulas, abríndollas ben para sacarlle ó animal da gorxa, e
no seu sitio empezaron a meterlle pedras para que nunca máis tivese fame nin
ganas de comer o que non era del.
E aí
está, o carballo come-ovellas de Cortegada cunha pedra aínda atravesada na
boca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario