luns, 8 de setembro de 2014

O AREAL DE BERRES


Por Pepe de Rocaforte

 
Ghañete
  O pasado 15 de agosto, co enxeñoso título de "I Día das Galegas nas Letras", celebrouse unha festa no Areal de Berres, na ribeira estradense do Ulla, e tal feito tróuxome o lugar á memoria.
   A mediados dos anos setenta do século pasado o Areal deixou de ter area, extraída polos areeiros que desde as súas barcas, con caldeiros atados a longos pértegos, rapañaban non só a da ribeira, senón tamén a do fondo do río, por debaixo da auga, para lla subministrar a varias empresas construtoras, principalmente de Santiago.
   Anos despois, xa nos noventa, o fillo dun daqueles areeiros deu na teima de lle restituír na medida do posible o atractivo ó Areal. Alguén faloume del como "o derradeiro hippy". A min recórdame a Man, o Alemán de Camelle, pero en vez de lle buscar comparanzas quizais sería mellor falar un pouco del.
Paisaxe de Berres
   Por aqueles anos a presa de Portodemouros, augas arriba, impedía a reposición periódica da area, pero o mozo José Manuel Gañete, "Ghañete", autor desta recuperación, buscou outra maneira de mellorar a contorna do lugar onde se bañaba e se reunía con outros rapaces, xunto a dous dos cales, os irmáns Carlos e Mario Rodríguez, formaría un grupo de música folk, no estilo de "Milladoiro", ó cal bautizarían co nome de "Pe de Boi"
   Sinto non poder incluír aquí a música do seu primeiro CD, porque a que co nome de "Pe de boi" se pode atopar hoxe en youtube ou en vimeo xa non ten case nada que ver coa inocencia, a frescura e a inxenuidade do grupo orixinal.
Paisaxe de Berres
   Aquel primeiro grupo esmoreceu e Ghañete dedicoulle toda a súa forza creativa a fermosear o Areal ata convertelo nun lugar acolledor. Mercou algún terreo, chegou a un acordo cos propietarios de outros sen uso ningún, cubertos polo mato, para a cambio de os manter limpos ampliar o espacio de recreo, e todo eso sen ningunha axuda oficial ou particular, só coa súa constancia e o seu esforzo.
   Agora, desde hai catro anos, o concello da Estrada asignoulle unha axuda de mil douscentos euros anuais (cen ó mes), non sei se como compensación pola utilización do Areal para celebrar festas como a da Noite de San Xoán.

   O certo é que menos dá unha pedra, e Ghañete non se queixa. El síntese satisfeito con disfrutar do sitio e ver como disfrutamos cando alí chegamos se nos cadra de pasar pola ribeira do río entre a Ponte Sarandón e a Ponte Ulla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario