Setembro é un mes de agradecementos e de pedirlle ás
divindades a necesaria protección de cara ó vindeiro inverno, por iso as virxes dos milagres, e dos remedios
convocan ós romeiros nestas datas, xunto cos santos protectores contra o
meigallo, o tangaraño, os endemoñamentos e outros males semellantes que teñen máis
que ver con tolerías de crentes ca con enfermidades de paisanos.
Pero
este tamén era o mes que os romanos dedicaban a Vulcano, e como este era un
pouco retorcido xa desde pequeno, por medo a que quen os tiña que protexer do
lume tamén o causase, por se lle daba a tolería, os seus templos estaban fóra
dos muros da cidade.
E
dicimos que era revoltoso e atolondrado porque xa de pequeno era tan enredante
que seu pai Xúpiter arreoulle unha labazada que tirou con el do Olimpo abaixo,
polo que quedou coxo de por vida, e a partir daí aprendeu o oficio de ferreiro,
con tanta maña, que entre as súas obras están as armas do invencible Aquiles e
os raios que fabricaba para que seu pai dispuxese deles como arma arroxadiza. Pero
aínda sendo coxo, andar sempre enferruxado polo fume e o carbón da fragua,
casou coa máis fermosa deusa da antigüidade, con Venus, quen, con todo, lle poñía
os cornos con Marte. Pero esa é outra historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario