Por Pepe de Rocaforte
Cando no meu comentario anterior falei do ruído do motor dunha rozadora, acordeime do que me pasou este verao nunha tenda da vila. Entrei a comprar un cabezal para o fío de cortar dunha rozadora (estragáraseme o vello) e busquei polos estantes, pero non vin ningún modelo similar ó meu. Díxenllo a unha moza que se achegou a atenderme e ela, moi amable, explicoume que aquelas eran pezas para "desbrozadora", tal vez por eso non encontrase alí o que buscaba.
A moza falábame en galego, como eu a ela, pero descoñecía cal era a máquina á que eu lle chamaba "rozadora", porque só a coñecía polo seu nome en castellano: "desbrozadora".
A cousa fíxome acordar posteriormente de como de rapaz puiden observar na aldea dos meus avós maternos a progresiva substitución de palabras galegas polas correspondentes en castelán a causa da influencia do comercio da vila próxima.
Así, a cunca de barro feita polos oleiros de toda a vida e mercada na feira, seguíase chamando "cunca", pero a mercada no bazar da vila xa se chamaba "taza". Outro tanto sucedía co peite de buxo feito polo artesán no seu taller da propia aldea, utilizado principalmente para arrancar as lendias do cabelo dos nenos. Este era un "peite", pero o mercado na tenda vilega, de plástico ou do que fose, xa pasaba a se chamar "peine".
E así sucesivamente:
"cuchillo" por "coitelo", etc. etc.
Co seseo tamén se estaba a producir unha revolución. Unha muller con dor de cabeza, dicía que lle doían as "cens", por lle parecer máis correcto que doerlle as "sens", para ela unha forma desa pronuncia desbotada pola xente máis sabida e que, por tanto, compría desterrar.
O idioma é algo vivo, certamente, en constante evolución, o cal debería ser unha demostración do seu vigor. Non aceptar esa evolución significaría anquilosalo, convertelo en algo arqueolóxico destinado á extinción ou unicamente ó uso cerimonial. Pero outro caso é aceptar sen máis nin máis canta palabra nova do idioma dominante chega ó alcance da nosa lingua preguiceira.
Perplexo entre dúas augas, renego de innovacións innecesarias, pero sinto que algo se me revolve na alma cando os puristas a ultranza, en moitos casos incapaces de colocar un pronome no seu sitio, me din "grazas" só porque un estudioso veu o vocábulo utilizado un par de veces noutros tantos manuscritos medievais, o que o convertía en verba de uso obrigado para a considerada autoridade idiomática.
Un fillo meu dime que cando a alguén lle oe dicir "grazas", axiña o clasifica no grupo dos que non mamaron o galego desde nenos. E a min resúltame tan anti-natural hoxe que me nego a utilizala. Tal vez debería usar, para me manter nun termo intermedio, o "graciñas" recomendado por Xabier Docampo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario