venres, 19 de setembro de 2014

Polafía en Arteixo

En próximos días xa estarán na páxina web da Asociación de Escritores en Lingua galega os vídeos correspondentes á Polafía que o pasado 18 de setembro se celebrou en Arteixo. Como adianto, incluímos aquí o texto lido polo colaborador deste caderno Francisco Ant. Vidal.
.-.-.-.-.-.-

Subimos aquí con intención de lembrar un tempo durante o que se foi forxando a nosa peculiar maneira de ser e de relacionarnos co entorno. E confeso que eu prefería seguir aí entre o público, escoitando ós verdadeiros protagonistas deste acto, ás persoas que hoxe nos transmiten as súas querencias, os que teñen presente as voces, lendas, historias e contos de Arteixo, estas memorias vivas que nos falan dese tempo en que Arteixo era a verdadeira horta da Coruña e lles cobraban o fielato no alto da Grela por levarlle os alimentos nacidos nas veigas de Loureda, Armentón ou Oseiro ós distintos mercados e tendas da cidade, de cando Puga y Parga, o famoso Picadillo, alcalde que foi da Coruña e máis coñecido aínda pola súa sorprendente obesidade, subía no seu coche a costa de Oseiro e lle botaba pola fenestrela patacóns ós rapaces para que lle axudasen ó chofer a empuxar o auto que non podía con el, quen ocupaba todo o asento traseiro, de cando as rapazas que lle levaban ó xantar ós país que traballaban nas minas, agochaban o wolfran no medio dos bolos de pan para facer contrabando, de como se traballaba no percebe e nas leiras, de cando os santos se vingaban da falta de respecto contra eles por parte dalgún paisano deixándoo paralisado do lumbago por terlle collido unhas tellas da capela para retellar o seu alpendre e só curou cando lle devolveu as tellas, ou de deixar xordo a un paisano que lle largara unha patada a unha imaxe de santa Marta ó confundila cunha pedra na que se lle atascou a rella do arado, e de cuxa xordeira curou cando colocou esa pedra dentro dos muros da igrexa de santa Baia, de como se ligaba nas festas e como se comía despois das faenas, dos choríns de santa Eufemia cuspindo madeixas de pelo nas que ía envolto o diaño e dos ramos de Oseiro, ramo do neno e da nena, uns roscos de pan apotropaico contra os males de todo tipo, tanto en persoas como animais, ou dos exvotos que os mariñeiros de toda a redonda lle traían á Nosa Señora de Pastoriza, agradecidos por telos socorrido nalgún percance no mar. Escoitamos con emoción a estas persoas que nos veñen falar neste tempo en que aínda habemos aproveitar o que vivamos a cabalo entre o arado romano e a internet para gardar memoria do que fomos. Persoas que tamén coñecen as lendas, verdadeiros libros de filosofía, que xeración tras xeración se foron contando ata chegar ata nós, como esa do galo que viaxa polas profundidades da terra, desde unha furna aberta ó ocaso, desde a praia de Barrañán, ata Lañas, onde aparece a modo de resucitado, como se camiñase de oeste a leste, do ocaso ó orto, ou sexa, volvendo da morte para a vida, ou o encanto da galiña que coida unha rolada de pitos de ouro, amarelos como o sol, no castro de Lañas, e que farán rico a quen os desencante.

E fíxádevos que dúas das lendas máis importantes de Arteixo teñen como protagonistas as aves. E que tamén as aves son atributo dalgún dos patróns parroquiais de Arteixo, que santa Baia deixou saír unha pomba da súa boca antes de morrer e san Pedro foi advertido por un galo de que un novo mundo comezaba tras a morte de Cristo, por exemplo.
E agora invítovos a que paseedes polas distintas parroquias do municipio e observedes a grande cantidade de adornos e elementos simbólicos e protectores con figura de aves que se ven en todo tipo de construccións, desde o lintel de Oseiro con dúas pombas ó acubillo da cruz, ata ós hórreos de máis moderna feitura que inclúen pombas, pardais, aguias e galos. Xa esculpidos ou debuxados. Aves de todas as épocas, desde as lendas castrexas ata hoxe, pasando por figuras do románico, do renacemento e do barroco. Porque as aves, como sabedes, son as que anuncian o novo día e os tempos de fartura, pois naqueles campos onde se ven aves é que neles hai vida, hai gromos que afloran e con eses gromos esperanza de novo froito. E se hai froito hai fartura.
E con esta pequena aportación a esta Polafía, invitándovos a camiñar polas distintas parroquias, polos camiños de Arteixo, parar a falar coa xente e saber do que fomos, e discutir nos bares sobre quen foi, por exemplo, o que marcou o gol máis importante da historia futbolística arteixán, a pesar de perder por once a un, no campo da Grela entre o Lañas e o Peñarol de Montevideo, cando o Peñarol viña de conquistar a copa Libertadores, hai disto máis de corenta anos, unha historia recente que vai camiño de converterse en lenda, porque non é o mesmo marcar un gol ca marcarllo ó mellor equipo americano e posiblemente o mellor equipo do mundo, que viña para xogar o Teresa Herrera.
Camiñar por Arteixo pode ser algo sorprendente, algo engaiolante, para observar como as lendas e os contos nacen a cada paso e permanecen por séculos, como a tradición se mantén aínda nos máis modernos elementos constructivos, nas falas, nas lendas e nos contos que calquera paisano nos pode contar.
            E por min nada máis, só me resta agradecerlle a Carlos Campos, Antonio Mouzo e Ana Gago, a súa colaboración, pois cando lles contei da proposta que nos facían desde a Asociación de Escritores, para buscar participantes e colaboradores, non regatearon esforzos ata encontrar e convencer a moitas das persoas que hoxe suben a este escenario.
E dado que nun acto deste tipo a palabra é o fundamental, permítome como homenaxe a todos os participantes, público incluído, terminar brindándovos aqueles versos de Pondal, do autor do himno galego, dedicados ás rapazas de Meicende, por onde el pasaba cada vez que viña da súa casa de Ponteceso camiño da Coruña, e que din:
            Vindo de Bergantiños
triste e convalescente,
pasei polo medio e medio
de Meicende, garrida canto breve,
e batida decote
do seco e frío nordeste.
            Erguendo a fenestrela
do coche, con voz feble
pola fatiga, e tremente,
díxenlle: -Boa Meicende,
venturosa, garrida,
na túa doce pendente:
cando as túas rapazas
leven á Coruña o leite,
dilles que o leven bo,
ben limpo e ben pracente,
para darlle forza ó bardo de Brigandisia
que rendido se sente.



Ningún comentario:

Publicar un comentario