Parece
ser que esta historia tivo lugar ó pé das mesmas murallas de Lugo, aló polo 997
da nosa era, cando os exécitos de Almanzor, camiño de Compostela, decidiron
facer unha paradiña para asegurar a retagarda, e puxéronlle sitio á cidade. Pero
os lugueses, xente rexa a nada dada a deixarse convencer por catro coitelos
torcidos, pecharon as portas e non deron polo aviso de promesas nin de ameazas
que os mouros lles facían. E se os asediados eran teimudos, non o eran menos os
asediadores, que montaron as súas tendas de campaña arredor da muralla e de
cando en vez daban unha voltiña polas aldeas dos arredores a recaudar víveres,
agardando a que os de dentro cansasen, baleirasen as despensas ou entendesen
que non se pode vivir sempre recluído entre paredes, agardando que o que non
podían as armas invasoras o puideran as debilidades do estómago; e xa se
empezaban a oír voces de rendición cando un paisano, vendo que na despensa só
quedaban un bolo de pan e un año, falou cos seus xefes e propúxolles unha
estratexia onde as armas serían substituídas polas palabras, e obtuvo o permiso
para negociar co inimigo.
Así
que, sacando valor de onde non o había, subiuse a unha das almeas da muralla e
chamou por Almanzor:
-Pero
machiño, ¿aínda segues aí a perder o tempo?. Vaia xeneral estás feito.
Algún
dos lugartenentes de Almanzor quixo arrearlle unha pedrada, pero este desexaba
seguir oíndoo a pesar da moita sorna que se intuía nas súas palabras.
-Tendo
tantos sitios a onde ir ficas aquí coma un pasmón, e todo por mor dun grupo de
labregos desarmados que che están quitando a fama. ¿Ou é que aínda pensas que
imos morrer de fame?. Pois non home non, nós somos previsores, e para que te
enteres, temos comida para dar e tomar. Seguro que os teus cadelos pasan moita
máis necesidade ca nós; e para que vexas o que é a caridade dos cristiáns, aí
che mando un año e un bolo de pan, para que vaiades facendo dente mentres agardades.
E
botoulles ambos os dous presentes da almea abaixo: un año e un bolo de pan.
Almanzor,
entón, din que algo avergoñado, decidiu levantar o campamento e seguir as súas
correrías por outros lugares, mentres os lugueses celebraron a victoria
daquelas palabras honrando ó orador, que desde aquela alcumaron Bolaño; por aquilo do bolo e o año.
Ningún comentario:
Publicar un comentario