Tiña a raíña Lupa, aquela que non lle quería ben ós discípulos de Santiago, un irmán que capitaneaba as forzas militares, a quen lle encargou que vixiase moi de cerca a aqueles que viñeran co corpo dun apóstolo e conseguiron amansar ós bois bravos que ela lle cedera con intención de esnafralos.
E
así foi que, na primeira oportunidade que tivo, acusados de alterar a orde
pública e revolucionar ós súbditos, mandou que prendesen a Atanasio e Teodoro e
os metesen na máis escura das celas, mentres non decidía que facer con eles,
cando soubo dunha moza que os visitaba para levarlles algo de comer; e entón
foi detrás dela, por se era mensaxeira dalgún grupo revolucionario, pero cando a
moza chegou á porta da cela, a estancia iluminouse cunha luz sobrenatural que
emanaba dos corpos dos detidos, unha luz que, de súpeto, converteuse en chama e
avanzou cara o soldado ameazando con queimalo.
Repúxose
o infante e púxose a salvo, tan cheo de furia, que decidiu executar a aqueles
magos malignos que atentaran contra a súa persoa, e mandounos levar a un
descampado que había preto do río Neira, para que todos os súbditos do reino visen
a execución que lles tiña reservado. Mais no mesmo intre en que o verdugo
erguía a súa espada, apareceu no ceo, sobre o campo do martirio, unha cruz
vermella rodeada de cinco cunchas de vieira, xusto por encima da cabeza da
doncela que socorría ós discípulos do Apóstolo. E entón arrepentiuse o infante,
mandou suspender a execución, aceptou a fe predicada por aqueles homes e
pediulle matrimonio á doncela, de cuxa estirpe veñen os Ribadeneira
Ningún comentario:
Publicar un comentario