domingo, 16 de novembro de 2014

SONETOS DE JENARO MARINHAS



Por Pepe de Rocaforte
    

        Hoxe, esperando contar coa autorización do patrón deste blog, vanme permitir vostedes unha pequena ración de publicidade.
            É o caso que me chega a noticia de que a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) proxecta, segundo me informan, editar un libro, baixo o título de “Invenção do Mar”, con máis de setenta sonetos inéditos, “de grandiosidade, ritmo e beleza excecionais”, de quen foi  membro da Real Academia Galega, don Jenaro Mariñas del Valle.
            O poemario, ou “sonetário”, contará cunha “Apresentação” de Pablo González Mariñas, e notas, “Epílogo”, “Glossário” e “Índice Onomástico” a cargo de António Gil Hernández.
            Os promotores do proxecto solicitan colaboración económica para a edición do libro e ofrecen por cada dez euros aportados o envío dun exemplar, así como constar na “Tábula Gratulatória”, salvo indicación en contrario.

            Á hora de efectuar o ingreso deben lembrar a necesidade de facer constar nome e apelidos, e poñer como concepto “Marinhas-Poemário”. A conta está na oficina de ABANCA cuxo IBAN é: ES62 2080 0069 17 3000079542.
            Así que xa o saben: ¡ánimo e a ingresar uns euriños para facerse polo menos cun exemplar! A inversión non pode ser máis tentadora, unha verdadeira ganga, máis de setenta sonetos por só dez euros de nada, aínda non quince céntimos por soneto.
            Veña, non se fale máis. E como di o meu informante: valeamus et gaudeamus igitur.

Ningún comentario:

Publicar un comentario