Por Pepe de Rocaforte
Animado
pola lectura dun traballo de
Xosé Pérez Mondelo, a quen agradezo o seu comentario posterior, escribía o
outro día sobre autores de libros relacionados co fútbol. Para hoxe ocórreseme
tratar de escritores que foron anteriormente deportistas. Non sei de moitos,
pero aí van os que me veñen á cabeza.
O
primeiro é Jenaro Talens (Tarifa 1946). Foi atleta destacado, corredor de 100 e
200 metros lisos, internacional coa selección española de atletismo entre 1967
e 1969. De Talens comentábame un amigo, tamén atleta, que coincidiu con el
nalgunhas concentracións da selección española, que era un rapaz calado, tímido
e moi amable. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Valencia, onde foi
profesor, estaría logo na Universidade Carlos III de Madrid, e na Universidade
de Xenebra, onde se xubilou en 2011.
Talens,
de quen unha miña familiar me confirma hoxe a súa amabilidade e simpatía, é
autor dunha considerable obra ensaística, traductor e, especialmente, poeta.
Foi finalista do Premio Nacional de Literatura nos anos 1985, con “Tábula
rasa”, e 1988, con “El sueño del origen y la muerte”. A súa obra poética
completa ata 2006 está recollida nos volumes “Cenizas del sentido” (1989), “El
largo aprendizaje” (1991) e “Puntos Cardinales” (2006), publicados por
“Cátedra”. Quen estea interesado nos seus poemas pode acceder a unha escolma pulsando aquí
Alfredo Conde |
Outro
atleta escritor é Alejandro Gándara, nacido en Santander en 1957, pero criado
en Ciudad Rodrigo, onde viviu ata 1974, en que cunha bolsa da Residencia Blume
se trasladou a Madrid. Gándara foi campión de España de 1500 metros, profesor
na Universidade Complutense e actualmente director académico da “Escuela
contemporánea de Humanidades”. En 1984 publicou a súa primeira novela, cunha
forte carga autobiográfica: “La media distancia”, historia dun mozo corredor de
medio fondo. Cando a lin pareceume encontrar unha certa dureza no seu estilo,
seco e cuns aires de superioridade que me fixeron perder o interese por el.
Leva publicadas actualmente varias novelas máis, ben acollidas pola crítica.
Entre elas sinalarei “Ciegas esperanzas”, Premio Nadal 1992, e “Últimas
noticias de nuestro mundo”, Premio Herralde 2001.
Finalmente:
Miguel Pardeza naceu en La Palma del Condado (Huelva) en 1965. Foi xogador de
fútbol no Real Madrid e no Zaragoza. Como internacional xogou o Campionato
Mundial de 1990. Pardeza escribiu a súa tese doutoral sobre César González
Ruano e é autor de varios libros de ensaio.
Buscando
datos sobre el encontrei unha entrevista feita non hai moito polo arteixán
Antón Castro, a cal me fixo lembrar que Castro escribiu sobre fútbol en máis
dunha ocasión. Concretamente teño na memoria o conto “A radio e o ídolo”,
incluído no volume “Vida e morte das baleas”, e tamén un texto sobre o seu
paisano Arsenio, que agora mesmo non son capaz de localizar. Paréceme que debeu
ser publicado noutro libro seu, este en castelán.
Volvendo
a escritores deportistas, entre os galegos non lembro ningún que acadase a
importancia deportiva dos tres anteriores, pero a modo anecdótico citarei a
Alfredo Conde, quen na súa adolescencia practicou, con non moita dedicación, o
atletismo nas carreiras de medio fondo.
Posiblemente
haxa algún outro por aí, pero ou non me vén á memoria, ou non sei del.
Ningún comentario:
Publicar un comentario