Por Pepe de Rocaforte
O “case” vén a conto
porque me chamou a atención a omisión de dúas obras de Wenceslao Fernández
Flórez: “De portería a portería”, recopilación dunha serie de artigos con
temática futbolística publicados en “ABC”, e “El sistema Pelegrín”, novela que
deu pé a unha película protagonizada por Fernando Fernán Gómez, moi popular en
España a comenzos dos anos cincuenta.
Como xa resulta case
obrigado, antes de me poñer a escribir fun botar unha ollada a Google e entón
sucedeume eso tamén tan común das cereixas e o cesto: colles unha e detrás
véñenche outras enganchadas.
Unha destas cereixas
inesperadas traía o nome de Fernando Iwasaki, quen non hai moito, no prólogo a
unha reedición de Fernández Flórez, chamábanos a atención sobre autores
españois inxustamente esquecidos e reivindicaba a recuperación dun escritor da
súa calidade, ó parecer non incluído nos plans de publicación das editoriais do
país.
Fernando Iwasaki |
É curioso que Iwasaki,
un peruano de orixe xaponés, actualmente residente en Sevilla, autor por certo,
entre outros títulos, de “El sentimiento trágico de la liga”, sexa quen nos
poña diante dos ollos estes autores olvidados, como, por citar outro nome, é o
caso de Miguel Villalonga, autor de “Miss Giacomini”, unha novela breve sobre a
cal o propio Iwasaki escribiu xa hai máis tempo e que na súa opinión (coa que
coincido), se pode contar entre as mellores españolas do xénero no século XX.
Así que, xa o sabedes,
se vos queredes afastar un pouco da tiranía da moda que nos impoñen editoriais
e suplementos literarios, eu, con Iwasaki, convídovos a ler (ou reler) tanto a
Wenceslao Fernández Flórez como a Miguel Villalonga.
Moitas gracias e a
mandar.
Moi estimado Pepe de Rocaforte: é evidente que calquera catálogo de obras sobre fútbol e literatura que non inclúa estas dúas xoias de W. Fernández Flores estaría incompleto (unha evidencia que podíamos estender a calquera outra relación de grandes obras ou escritores da literatura do S. XX onde non aparecese o autor d´O bosque animado ). Algo parecido debe pasar con Miguel Villalonga, que como o seu irmán LLorenç e o propio Wenceslao parece que estean pagando o feito de seren escritores insulares e periféricos, non doados de encadrar no canon establecido, precisamente por mor da súa singularidade.
ResponderEliminarChamadas de atención como a que ti fas recordánnos que temos a obriga de estar atentos e revisar tantos tópicos sobre a "excelencia literaria", tantas falsas verdades establecidas que en moitos casos teñen como único mérito a ocultación de escritores e libros de gran valor mais destinados para sempre ao esquecemento ou, como mal menor, ás librerías de vello.
En canto á relación de escritores e libros sobre fútbol, tampouco debiamos esquecer outro escritor singular, o arxentino Roberto Fontanarrosa, autor dun relato delirante, o mellor que temos lido sobre este asunto: "19 de decembre de 1971". Maxistral.
Moi agradecido pola túa achega. Seguiremos metendo a man no cesto: non imos ser quen de dar conta de tantas e tan saborosas cereixas.