martes, 25 de novembro de 2014

EUSTAQUIO PELLICER



Por Pepe de Rocaforte
            Quedara aí atrás en dar información sobre o fundador de “Caras y Caretas”, tal vez a revista humorística máis importante e, no seu tempo, innovadora da República Arxentina.
            Eustaquio Pellicer Gutiérrez de Celis naceu en Burgos en 1859, primeiro dos catro fillos do matrimonio formado por Eustaquio Pellicer Larrocha, catedrático de francés no Instituto Provincial, e Juana Gutiérrez de Celis Martín, descendente dunha coñecida familia burgalesa.
            Á morte do pai en 1868 a viúva, cos catro fillos, trasládase a Valladolid, a casa dunha irmá, e posteriormente o primoxénito, Eustaquio, marchará a Madrid para traballar como telegrafista na Compañía de Ferrocarriles. En Madrid casa con María Loreto Meléndez y París e inicia as súas colaboracións periodísticas en “La Broma” e “El Pabellón Nacional”.
            En 1886, a raíz da intentona de sublevación do brigadier Manuel Villacampa, , militar de ideoloxía republicana, natural de Betanzos, onde naceu en 1827 (e aquí podemos datar, de maneira anecdótica, a primeira relación de Pellicer con Galicia), o xornalista burgalés, simpatizante do levantamento de Villacampa contra os Borbóns, á vista da condena a morte do militar betanceiro, decidiu poñer terra por medio e emigrar a América.
            Boa idea se temos en conta que cincuenta e tres anos máis tarde o seu sobriño Jesús García Pellicer, ó non tomar unha decisión similar logo do triunfo do levantamento de Franco contra a República, morrería fusilado a carón do madrileño cemiterio do Este en setembro de 1939 (Curiosamente a copia da súa partida de defunción, obrante no meu poder, no apartado “Causas de la muerte” di: “Se desconocen”).

            Certo tamén, por citar outro caso familiar, que non sabe un a que carta quedarse diante de informacións tan contraditorias como as que se dan sobre o falecemento de Eustaquio Pellicer Larrocha, pai do fundador de “Caras y Caretas”. No seu expediente académico, do cal Tino Barriuso, profesor do Centro onde el exerceu, me proporcionou amablemente unha copia, dise que “morre en acto de servicio o 30 de novembro de 1868”. En cambio na copia da partida de defunción figura que morreu de hepatite.
            Como o deceso se produce nunhas datas de efervescencia política, pouco despois do triunfo do que se coñecería como “Sexenio Revolucionario”, buscando máis información atopeime co suceso , en xaneiro de 1867, do linchamento de don Isidoro Gutiérrez de Castro, recén nomeado Gobernador Civil da provincia, asasinado a mans dunha turba enfurecida á porta da catedral (segundo a información oficial. No interior do templo segundo outras informacións máis verídicas).
            A versión oficial atribuíu os sucesos á furia espontánea do pobo, pero é case seguro que estes feitos contaron coa dirección e participación das autoridades relixiosas. E aquí vén a cereixa que sae do cesto colgada ó coller outras: Entre o máis dun cento de detidos a raíz do asasinato do Gobernador Civil, foron á cadea varios membros do Cabildo Catedralicio, encabezados polo Deán don Pedro Gutiérrez de Celis y Ladrón de Guevara, tío paterno e padriño de bautizo e voda da nai de Eustaquio Pellicer. O Deán, por certo, quedaría en liberdade sen cargos ó cabo dunha semana.
            E con tanta digresión familiar estoume pasando demasiado na extensión da colaboración de hoxe. Vou deixar logo para unha próxima entrega o tema do cal quería tratar: a vida de Eustaquio Pellicer Gutiérrez de Celis, o fundador de “Caras y Caretas”.

Eustaquio Pellicer (e 2)

2 comentarios:

  1. yo soy descendiente de los pellicer en argentina. escríbanme, tengo muchos datos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estimado Daniel Verón, non lle respondín antes por andar á busca de outro modo de me comunicar con V. Agora, gracias a meu fillo Alberto e noso parente común Guillermo Pellicer, creo que o poderei facer. Un cordial saúdo e ata pronto.

      Eliminar