venres, 7 de novembro de 2014

o alambique e a augardente





           Non me gusta que lle chamen “caña”, nin “anís”, que me parecen palabras importadas doutras latitudes, pero están tan arraigadas, segundo que zona no vocabulario que tampouco vou despreciar unha boa copa por iso. E gústame tomala en copa de globo, como se tomou toda a vida, para mellor conter os aromas, e non neses vasiños pequerechos que puxeron de moda as películas de vaqueiros e os restaurantes “modelnos”.
            E dito isto, amosamos o que é o aparello de destilación do bagazo, o alambique, que xeralmente é controlado por un especialista, o poteiro, que percorría as terras vinícolas con todos os aparellos que o compoñen, a pota, o bidón e o serpentín, nun proceso lento que require moita atención, pois aínda que a media por potada pode andar nas cinco horas, ás veces destilar o bagazo dunha casa podía levar toda unha noite e incluso varios días, coidando que o lume non decaia, que a calor se manteña, que non se perda o vapor da destilación polos ocos e empalmes dos distintos elementos, que o poteiro ha de tapar ou estancar cunha mestura de auga e fariña.

            O poteiro ou augardenterio monta a súa pota sobre unha trepia con lume de carballo (agora xa se usa o butano), e no fondo da pota colócanse pallas, follas de vide e auga, para que o bagazo, que vai por encima non se pegue ó caldeiro, e logo a quentar e ferver, facendo pasar o producto evaporado a través dun serpentín que se arrefría introducíndoo nun caldeiro ou bidón de auga, para que ó final vaia saíndo, con chorriño suave o producto destilado.
            O primeiro augardente sae cunha graduación moi alta, adecuada para usos medicinais, e esta vai disminuíndo cara o final da destilación, e na arte do poteiro está que a mestura entre as distintas graduacións lle aporte o mellor gusto posible. E din os entendidos que, alí onde hai viño bo sae augardente mala e onde o viño non é tan bo mellora a calidade da augardente. É unha compensación da natureza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario