luns, 3 de novembro de 2014

San Huberto o cazador



      
      Huberto era un nobre afeccionado á caza que viviu no século VIII, e que un domingo, antes de meterse na igrexa a soportar os longos oficios, preferiu saír a practicar o seu deporte na espesura do monte, percorrendo todo canto recuncho había, ata que, de súpeto no alto dun outeiro, posto como adrede para que el lle disparase viu un cervo. Sen dubidalo, Huberto colocou a frecha na corda do arco e apuntou, pero entón o animal vírase cara el e o cazador puido ver como, entre a cornamenta, portaba unha resplandecente cruz, e ante o seu asombro, faloulle con voz humana: “Volve a Deus ou caerás no inferno”. 

            Que dicir ten que o cazador, nese mesmo intre, abandonou as armas e correu a confesarse e a converterse nun dos máis fieis seguidores da doutrina de Cristo; polo que hoxe é invocado como protector dos cazadores, dos cans e dos peleteiros, así como daqueles que contraen a enfermidade da rabia, pois, de feito, estando el dicindo misa, entrou un home con tal enfermidade ameazando a todos os presentes, e entón el, acercándoselle, cun simple sinal da cruz sobre a fronte, liberouno de tan nefasta enfermidade.
            As iconas representan a san Huberto co cervo por compaña. E desde ese día en que decidiu non disparar a frecha, Diana deixou de ser deusa e foi un mito do diaño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario