E aquí o vemos, nesta
chapa de ferro policromado, coas súas polainas de grande andarín, sombreiro
calado e de amplas abas, para o sol, chaqueta curta para facilitar o braceo, e
nos petos da mesma sabemos que vai o chisqueiro de mecha. Alá vai el coas súas
bombas ó lombo, todas envoltas, e colgando da man a roda da traca; sempre de
festa en festa, de vila en vila, mirando para diante, cara o horizonte; o
fogueteiro é deses profesionais de andar camiño, de levar contos e traer novas;
de comunicar.
O fogueteiro érguese
coa amañecida para espertar á veciñanza chamando á festa, é un berro de xúbilo
que se expande desde o ceo; vai diante da orquestra, anunciando o paso da
alegría, vai detrás da procesión chamando ós fregueses para que saúden ó Santo,
bota bombas de tres estalos cando se acabou de interpretar o himno na misa maior,
unha de palenque cando comeza o partido de fútbol e outra por cada gol do
equipo da casa, el é a catarse feita persoa, é o berro liberador abouxando á
veciñanza arrastra detrás de si ós cativos que apostan por adiviñar a onde
alcanzan os foguetes e onde van caer as canas, que logo recollen coma anacos de
estrela devoltos á terra.
Cando o fogueteiro
pon a traca a funcionar, ás doce en punto da noite do último día da festa, a
apoteose é total, a orquestra deixa de tocar, as bombillas multicolores apáganse,
as parellas paran de bailar, os bares baléiranse para ver o espectáculo de
luces de cor colgando do ceo, ofuscando ás mesmas estrelas; ninguén atende a
outra cousa, os namorados encontran neste espectáculo a razón para un cálido
abrazo, e as expresións de asombro son os únicos sons humanos que se oen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario