venres, 5 de xuño de 2015

O Corpus, o sol divino na terra



                  Corenta días despois da Pascua é o Corpus, unha celebración que lembra o final dos corenta días que, segundo o evanxeo, Cristo pasou na terra despois da súa resurrección, e ascendeu ós ceos. Unha festa que o mundo cristián celebra como a presencia de Deus entre os homes, por iso lle preparan as rúas con alfombras de flores e herbas olorosas, entre as que, os nosos paisanos, chegaban a depositar prendas de roupa para que o paso da Santa Custodia sobre esa prenda transmitise a forza da divindade para algún doente que logo a vestise.
O Corpus é unha procesión que cobrou forza durante a Contrarreforma, como un modo de afirmar as crenzas dos cristiáns fronte as herexías de Lutero. E así, nesta procesión, ademais das flores e o palio baixo o que desfila a Santa Custodia como representación de Deus na terra, unha Custodia gardada en elaboradas pezas de ourivería, onde non faltan os metais e as pedras preciosos, soe haber máscaras que representan o mal fuxindo da presencia da divindade que santifica os lugares polos que pasa, que limpa as rúas do mal, tal é o Boi de Xan da Arzúa en Allariz, que un paisano usou para apartar ós xudeus do camiño por onde ía pasar a procesión, a Coca de Redondela, lembrando ó monstro que comía ás nenas ou as figuras do Meco e da Vella en Pontevedra, das que nos fala o Padre Sarmiento.
E sen entrar hoxe nas grandes procesións e os elementos simbólicos que as adornan, queremos ilustrar esta entrada con esta custodia de madeira, que se conserva no museo etnográfico de San Paio de Narla, decorada cunha rosácea, o símbolo da divindade amosándonos como desde un punto central se pode abarcar todo o universo. Unha humilde peza de madeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario