E pasiño a pasiño xa chegamos á metade do ano, ó mes
en que o sol está máis tempo no ceo e cando a sardiña molla o pan. O mes de
Xuño, que na súa nomenclatura lembra á esposa de Xúpiter e nai de Marte, pero
tamén na terminoloxía que usamos entre nós é o mes do San Xoán, cando o santo
bendice as augas e a partir de cuxa festividade xa se poden recibir os baños de
mar.
Xuño, a deusa que lle dá nome, era celebrada neste mes
como a protectora dos matrimonios na Roma clásica, coñecida entre os romanos como Xuno Lucina, e por ende a protectora dos nacementos; e daí, a
expresión “dar a luz”, traída da antiga invocación na hora do parto para pedir a súa protección.
Este é o mes en que a vida se invoca como unha loita
vitoriosa contra a noite (debilitada nestes días solsticiais) en que todos os
elementos, os catro elementos da natureza, lume, auga, terra e aire, se xuntan e
cobran significado apotropaico na noite do solsticio. É o mes en que lembramos
que a mera non é boa nin para o viño nin para o pan, ou que polo san
Xoán xa a sardiña pinga o pan. E con isto atendemos neste mes a moitos santos
que nos protexen contra todo tipo de males físicos e psíquicos, ademais do san
Xoán Bautista, figura central do mes, temos a santo Antonio de Padua, amparo
das mozas casadeiras, a santo Adrián, patrón de navegantes e de doentes de
males cutáneos nas costa da Morte e arredores, ou ó san Pedro con quen remata o
mes, o santo que abre as portas do ceo e a quen se invoca para atraer a chuvia
e arredar as tronadas. Pero volvamos a Xuno, de quen copiaron ritos e pedidos
as Fillas de María no último día de maio, como querendo adiantar nun día a
celebración da santa que vén tomar o relevo desta deusa a cuxo templo as
mulleres acudían co cabelo solto e sen nós, para facilitar o parto. E en honor
á deusa, cando nunha casa había unha muller próxima a parir, habilitábase unha
estancia con viandas e luces acesas, para que o recén nacido viñese entre a
fartura e a claridade.
Entremos pois no mes da luz e da vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario