Por Pepe de Rocaforte
Vin xa non lembro onde, a pesar de non haber moito tempo,
unha noticia alarmada, e alarmante, sobre a progresiva desaparición de especies
avícolas e acordeime doutras informacións sobre a preocupación de determinados
organismos interesados no coidado e preservación de especies como, poñamos por
caso, a aguia real ou o voitre, este hoxe en día non moi en perigo de extinción
ó meu parecer (e pódese entender tanto no sentido real coma no figurado).
Por outra
parte lin, tamén hai pouco, unha reportaxe sobre os problemas causados en
determinados países europeos pola proliferación descontrolada de cisnes, seica
unha especie altamente invasiva, o cal me fixo acordar de cando hai xa uns anos
apareceron tres exemplares polos arredores do porto de Santa Cruz, en Oleiros.
Hoxe daqueles tres cisnes, emigrados posteriormente ó interior da ría do Burgo,
puiden contar vintesete exemplares adultos e a estampa resulta moi fermosa,
pero ¿chegará o día en que para poder ver a auga da ría sexa preciso apartar os
cisnes?
Pero
o das anduriñas xa é outro cantar. A última vez que vin en Galicia anduriñas en
abundancia asucando o ceu foi xa haberá máis de quince anos, en Betanzos. Hoxe,
aquí, xa empeza a ser algo preocupante a diminución destas aves e moito temo
que dentro de pouco non teñan sentido os versos de Bécquer, aquel autor que nos
fixo empezar a amar a poesía, na actualidade un tanto desvalorizado, como tamén
o fora no seu tempo. Acordémonos de cómo o insigne vate don Gaspar Núñez de
Arce, de esquecida memoria, tachaba de “suspirillos germánicos” os seus poemas.
¿Volverán as “oscuras golondrinas”? Nunha viaxe de non
hai moito tempo por terras salmantinas puiden fotografar en San Martín del
Castañar unha imaxe que aínda me deu un pouco de esperanza, pero tamén sería
unha triste gracia a de termos que viaxar a terras castelás para ver, “como
saeta en el cielo”, estes paxariños de tanta raizame literaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario