mércores, 4 de marzo de 2020

Ulisiada (V)


Por Far O'McKwoo
De como Telémaco se afana na procura de atopar quen lle dea cadras de seu pai.
     Non. Non todo está en Internet nin todo o que vén en Internet é certo. Pisístrato tecleara o nome de Ulises de Ítaca e mirou as máis de cen e preto dúas centas mil entradas que relacionan a algún Ulises e a algunha Ítaca, pero ningunha delas se refire ó pai do seu novo amigo. Isto, evidentemente, non inutiliza o buscador, pero si obriga ó interesado a procurar outras maneiras de acoutar a definición buscada, un sinal, unha anécdota, algo que lle teña contado súa nai das virtudes paternas, tal que estaba estudando para arquitecto cando se sentiu atraído polas promesas de grandes fortunas, nunha época en que se aseguraba que na volta de poucos anos un gato podería percorrer o perímetro da península sen baixar dos tellados, e marchou para non volver, e entón pregúntanlle a Néstor, por se este pode axudalos, pero Néstor pouco lembra del. Si sabe que cando estaba estudiando mediou entre un amigo seu e a súa moza para que fixesen as paces, mandándolle a ela, de parte do mozo, unha caixa con forma de cabalo rechea de bombóns, cada un envolto nun poema de amor que ó amigo non se lle ocorrería, e conseguiu o seu propósito, porque aqueles aviñéronse e agora viven preto, na rúa Esparta, 35, onde é posible que poidan contarlle algo máis. Chámanse estes Menelao e Helena, el é algo arroutado e ciumento, parco en palabras e malencarado, capaz de liarse a puñazos con que simplemente mire para a moza, porque ela é tan feitiña como unha modelo de revista, e igualmente moi presumida e orgullosa da súa beleza, tanto que non regatea sorrisos que sulfuran ó ciumento do seu esposo.
     E coas cadras dadas aló foron os rapaces ó enderezo indicado, para ser recibidos polo propio Menelao, quen desculpa a ausencia da esposa que vai na perruquería; e mándaos pasar e sentar, ofrécelles uns refrescos e cóntalles algunhas das aventuras vividas co seu amigo Ulises, de quen xa hai anos que non volveu saber ren, aínda que Proteo –cóntalles-, outro amigo deles, de cando eran mozos con ansias de conquistar o mundo, quen agora traballa de gardacostas en Vilagarcía, contoulle en certa ocasión que soubera por un mariño mercante que Ulises andaba por Nova York, a onde chegou despois de pasar por varios lugares a través deste Atlántico noso, mar de irmáns e irmandade, que tantas veces non é máis ca un camiño sen retorno, tratando de acadar a fortuna que non acababa de sorrirlle. E aló vive engaiolado nos brazos dunha tipa do bar Calipso que cada noite lle borra a memoria da súa terra con bicos que saben a whisky e tabaco, e cada mañá coa resaca, ó emigrante vólvelle a morriña que o ten amoucado todo o día.
     Telémaco queda sen palabras. Iso non é o que el pensaba de seu pai, de quen sempre lle contaron que marchara para procurar un futuro mellor para o fillo que lle ía nacer, ou que era espelido e intelixente, e a quen, polo visto, lle fallaron os fados da fortuna. Isto que lle contan só pode ser porque está enmeigado por esa tipa que lle ofrece todos os praceres do mundo para facerlle esquecer os seus deberes. Pola mente de Telémaco circula a posibilidade de chegar algún día a ese porto da desgana, tal vez incluso poida ofrecerse para algún deses cursos de intercambio escolar cun rapaz americano. Pero asemade el ben sabe que a súa nai non vai querer desprenderse del tan doadamente. Por non saber tampouco sabe se o soldo de caixeira lle permitiría facer tal.
     O mesmo pensa Pisístrato, de volta para a casa, cando atopan a Antínoo, na explanada do porto, quen, sentindo a curiosidade de saber de onde veñen pregúntallo, e Pisístrato, que non sabe da suposta relación daquel coa nai de Telémaco, inocentemente cóntalle dos labores investigadores en que están metidos e da intención de Telémaco de facer todo un curso aló, en Nova York.
     De súpeto a faciana do pretendente cambia de expresión. “O rapaz estase facendo home”, pensa. E cando eles seguen o seu camiño, Antínoo trata de argallar a maneira de entorpecer a tal procura e tal desexo de viaxar, temendo que, se o Allo se sente reclamado polo seu fillo, volva, facendo que todos os seus proxectos, de ampliación do negocio de contrabando para deixar de ser un simple intermediario e converterse en xefe absoluto do tráfico nesta parte da ría se veñan abaixo, que a aparición de Ulises arrede toda posibilidade de facerse coas propiedades de Laertes, almacén e batea principalmente, e de ter a Penélope de contable e cabeza de turco.


Ningún comentario:

Publicar un comentario