martes, 24 de marzo de 2020

Calculando o medo


      O medo é o peor dos sentimentos. Por moito que o evitemos ha de visitarnos e por moito que saibamos quen é non podemos pecharlle a porta. Por el estamos enclaustrados e resignados a empregar este tempo de alerta e soidade con todo cando aparello electrónico de entretemento temos na casa. Incluso coa calculadora científica para pórlle data de caducidade.

     Pero co medo tamén habemos de lembrar unha desas frases célebres: “Canto máis grande é menos nos deixa ver a solución”, por iso durante o parladoiro que esta semana tivemos por Skype, un dos amigos, seguindo o modelo que o profesor Nieto da USC expuxo na prensa, sacando lapis e papel amosounos a fórmula pola que se pode calcular a incidencia e mortalidade da pandemia que padecemos en función do tempo, para saber, máis ou menos, cando a podemos dar por vencida. Unha demostración de que as matemáticas tamén serven para prever o futuro, limitar o medo e dar un pouco de esperanza. Era unha desas fórmulas de probabilidade que, se non acertan plenamente, polo menos aproxímanse e axudan moito a calcular a velocidade con que se propaga. O malo, segundo algún de nós dixo, é que para o cálculo só temos en conta as variables do momento en que se formula o problema e estas poden variar cada día. Non desesperemos. Todas as medidas contemplan unha marxe de error, e sempre podemos planificar sobre unha data marcada, un índice de pico de crise ou a pendente da curva.

      Unha das máis famosas fórmulas estatísticas deste tipo, tal vez por ser das primeiras que se expuxeron, foi a de Bernoulli, para calcular a incidencia e mortaldade producida pola epidemia variolosa que acabou coa vida de Luís XV, aló por mediados do século XVIII. Fixo os cálculos e acertou a dicir onde, cando e como afectaba o virus, pero non lle fixeron caso porque pensaban que as matemáticas e a medicina non son compatibles. Hoxe, o primeiro que se fai diante dunha epidemia é sacar a calculadora, pois, se ben as medicinas matan ó virus, as matemáticas din cantos son e por onde andan.

      Sabemos que a necesaria recolla previa de datos non sempre se fai coa suficiente rapidez e exactitude para avaliar e deter o problema, nin sempre se expoñen os resultados adecuadamente. Non é o mesmo dar o número de falecidos ca expresar esa cantidade en porcentaxe sobre o total da poboación. Un asusta e o outro dá un medo soportable.

     A Luis Bettencourt, un portugués licenciado en Ciencias Físicas e cunha tese doutoral sobre o principio do universo, tampouco lle fixo caso a OMS nun primeiro momento, a principios deste século, cando calculou e demostrou matematicamente a evolución dun virus en Angola, co fin de ver as variables que máis influían na súa propagación e prever así os picos de incidencia. Ó final, confirmado e aceptado o seu acerto, puideron atacalo e paralo. Máis vale tarde ca nunca. Indo máis aló, Bettencourt segue con este tipo de cálculos para coñecer as distintas influencias que pode haber nunha comunidade, índices de enfermidades, de violencia, que se consume preferentemente ou que é prescindible, co fin de facer unhas cidades máis humanizadas e sostibles.

     Aí está outra das funcións das matemáticas que moitas veces se nos escapan. Só nos queda agardar a que nos despachos de saúde non falten as calculadoras para saber onde poñer a cota do medo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario