O personaxe que interpreta
Michael Keaton en
Birdman, recibe nun
momento determinado unha monumental amoestación por parte da súa
filla adolescente por non ter perfil nas redes sociais, pois así non
vai chegar a nada por moito que se esforce, será un cero á
esquerda, sen nome nin alcume que o reafirme, o estimule e o
proxecte. De feito financia unha obra de teatro en que é o
protagonista, precisamente para arredar a insoportable carga do seu
mediocre pasado, e ve como lle come o terreo o segundo actor,
xustamente porque está máis e mellor conectado coa prensa, coa
sociedade e cos estereotipos que todos agardan dos famosos. El só é
recoñecido por unha película menor que algún día lle deu fama.
Pesa tanto o seu pasado que xa non é nin el, senón unha careta
daquel súper-heroe home-paxaro que algún día interpretou no cine.
Incluso, diante do cartel coa súa foto na porta do teatro, só é
recoñecido por aquel outro rol sen calidade.
Iso é, ó final, a norma que
se repite nos estereotipos, o sambenito que nos colgan como medalla
distintiva, o peso da visión que teñen de nós e tan difícil é de
arredar, xa sexa no galego das respostas con preguntas, no andaluz
chistoso ou no catalán agarrado e o xudeu usureiro, e basta que
alguén amose un mínimo indicio desa pexa para que se dea por
demostración científica que tal estereotipo é regra invariable
nese individuo ou grupo, iso polo que lle damos nome, o tópico que
cree identificar e só repite os clixés que alguén impuxo como un
alcume. O estimado don Luís de Góngora y Argote, despois de vivir
con nómina dos condes de Lemos, converteuse na máis desapiadada
pluma creando estereotipos contra Galicia e os galegos que aínda
hoxe sufrimos.
Pero esas ideas, crenzas ou
tendencias a catalogar non só están nos outros, senón tamén en
nós mesmos, no clixé
que nos poñemos ou impoñemos, amosándonos en redes e parladoiros,
definíndonos como algo ó que aspiramos ou cremos máis relevante da
nosa personalidade coa súa dose de presunción, fachenda e vaidade
que tanto nos conforta.
O peso dos sambenitos tanto se
mide en selfies
como en gargalladas, e famosos hai que confunden a fama coa
profesionalidade. Don Quixote críase un salvador, un heroe, un
valente empeñado en “desfacer
agravios y enderezar entuertos”;
Tartarín de Tarascón tamén se tiña polo máis valente e avisado
do mundo e os veciños animábano, ata investir unha fortuna na caza
dun león sen saber sequera onde os había. Famosos hai que ata
impoñen no seu currículo un título do que carecen, e todos temos o
pracer de coñecer afeccionados a todo tipo de artes e enxeñerías
que se consideran autoridades na materia sen ter pasado por ningunha
escola nin facultade.
Ó final, o personaxe
interpretado por Michael Keaton enfróntase a unha periodista
especializada en crítica teatral, quen lle anuncia que non irá ver
a súa obra pero faralle a crítica máis desapiadada posible. Tamén
ela ten un clixé do actor polo que opina sen contrastar, evitando
comprobar se mellorou ou empeorou no seu oficio. E despáchao co
maior insulto que lle pode ofrecer; que el é unha persoa famosa pero
non é actor de teatro. Tamén ela, co seu clixé de pluma
xusticieira, se cree uns pasos por encima do resto dos mortais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario