luns, 16 de marzo de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (62)


                                    Media ducia de editores galegos
                                                                        O Curmán de Undochán

  
Francisco Vázquez Cores
         
Comentamos esta reveladora realidade a partir das palabras (traducidas agora) do especialista no mundo galego do Uruguai, Prof. Carlos Zubillaga: “Por oito décadas non houbo en Montevideo posibilidade de eludir a referencia a galegos no proceso de produción e comercialización de libros, editores comprometidos, en tempos de estreiteces, cos escritores uruguaios que estaban a xurdir, en competencia cos consagrados estranxeiros.”     
            O primeiro cronolóxicamente será Francisco Vázquez Cores (Ferrol, 1843-1914), mestre que colaborou na reforma escolar vareliana, con ideoloxía liberal e antiescravista (abolicionista), cofundador do Centro Gallego, que se dedicou, durante décadas, á edición de textos para o ensino que complementaba o seu oficio de libreiro e que ousou co-publicar, con luxo, as obras completas de Francisco Acuña de Figueroa (1791-1862), o clásico vate autor da letra do himno nacional (fillo de pai de Salcedo-Pontevedra), feito heroico que contribuiría a arruinalo.
            Moito contemporáneo deste, o larachés Antonio Barreiro y Ramos (Vilaño, 1851-1916, Crón. 58), xa en 1871 funda establecemento co nome de Librería Nacional e, anos despóis, tamén se dedica á edición de libros escolares. Mais no que se destacaría foi na edición e impresión de obras dos máis nomeados autores nacionáis (Bauzá, Magariños Cervantes, Carlos Ma. Ramírez, [o galego] Daniel Granada –Crón. 46-, Zorrilla de San Martín…). Dacabalo dos séculos XIX e XX armóuse na sua libraría unha sonada tertulia do máis graúdo da intelectualidade local.
A Laracha, 2019
            Menos lembrado é o carballés José María Serrano (1870-1945), que, se algunha gloria ostentóu é a de ter sido o editor principal da obra do noso José Enrique Rodó (1871-1917), o pensador e estilista literario de magnitude americana, mais non se limitando a tal autor.
             Os irmáns Claudio (1878-1949) e Maximino García (1890-1969), maismente aquel, constitúen dous fitos inexcusábeis nese mundo editorial montevideano de ámbito nacional, case monopolizado polos galegos. Claudio (Crón. 51) fundou La Bolsa de los Libros e no seu cerne a Biblioteca Rodó, que editou os máis destacados nomes do país. Aliadófilo no internacional e no español republicano, foi outro que rematou en penosa situación económica. Maximino, primeiro no libro vello, foi posteriormente editor de toda caste de libros, chegando a doar moreas das suas edicións ás bibliotecas públicas de Galiza (en certo xeito a imitar a campaña do larañés de Buenos Aires  Gumersindo Busto -1872-1937- a prol da Biblioteca América da Universidade compostelá: por certo que antes Busto residira algún tempo no Uruguai).
Claudio García polo humorista
e caricaturista Julio E. Suárez “Peloduro”
            El Librero de la Feria foi a firma escollida por outro galego máis cercano, cal foi Manuel Lamas Ferreiro (Berdillo-Carballo, 1907 ou 1908-1970), quen comezou, en 1930 e no marco da tradicional feria de Tristán Narvaja, a sua actividade, moi focado nos bibliófilos e organizando as suas propias feiras semanáis para servir ao comprador de libros do común. Sen ser editor, tiraba folletos e ata boletíns bibliográficos que alcanzaron ampla difusión nas Américas, campo no que foi pioneiro.
            (Barreiro, Cores e Claudio foron recoñecidos no nomenclátor capitalino).

Dato extemporáneo: Como oleros coñécese no norte aos moldeadores artesanáis de tixolos, palabra que, a xuízo dalgúns, “probabelmente proveña do galego olaría, que significa alfarería ou cerámica”. (Nós achamos que é un caso máis de portunhol).

Ningún comentario:

Publicar un comentario