martes, 31 de marzo de 2020

A TRAVESÍA



                      Por Pura Tejelo

 
                                    Foto Fan Ho


Tras os muros familiares atoparás rellas

vías luxadas onde perderás o rastro

albergarás fantasías e agardarás o bálsamo da calma.



Prestamistas arteiros

sairán confundíndote.



Vaidosos tratantes de ventura e vilezas

cruzaranse para retardar a chegada.



Caerás na tentación de posuír abelorios e resplandores

continuos atrancos tentarán ensarillarte

unha cruel sospeita mudará o teu xorne

un pesar longamente reflexionado

unha afronta.



Nun porto aciago descargarán sufrimentos ignorados

aprenderás con teimosía

a fuxir dos chufados

da baldía riqueza, do fastío

a te amparar da insolencia.



Vai afouta coa túa vara de lis cortando

esas miúdas herbas que os humanos converten

en monstros.

                         (Do libro As horas de Hanna. Editorial Urutau,2019)

Ningún comentario:

Publicar un comentario