2 futbolistas - Os Varela
O Curmán de Undochán
Severino
(Gallego) Varela, La boina fantasma,
nos seus tempos no Boca porteño
|
Falábamos aí atrás
(Crón. 59) dos galegos do Uruguai con apelido non galego. Hoxe queremos
referirnos aos galegos Varela, que son multitude entre os nosos connacionáis no
país norplatino… e, polo que sabemos, que non é moito, nas repúblicas
americanas todas. Apelativo que viría derivado da sua representación heráldica:
catro barras, varas ou varelas (mesmo paus, como se denota no escudo dos
Varillas castellanos, mera tradución, segundo o Licenciado Molina, dos Varelas
da Galiza), e que estaría representado na nosa toponimia apenas polas Varelas
melidenses.
Deixando a un lado as
actuáis Bodegas Varela Zarranz e os Varela aínda vivos –varias ducias de
famosos-, así como aos finados –contemporáneos ou case- Varela Stolle (Crón.
44), Varela Fuentes (médico), Varela Radío (José, industrial) e Varela Feijoo
(médico)… vaiamos aos vedraños tales o xa citado boticario miñense Gabriel
Piedracueva Varela (de 1736, Crón. 58), e máis o mariño e cartógrafo José
Varela y Ulloa (Vilareda-Palas, 1739) quen, xunto co melidán Joaquín Varela
Gundín (1745), formaron na expedición que, en colaboración con homólogos lusos,
tentou fixar os tan difusos límites de ambos imperios ibéricos nesta América do
Sul.
Obdulio
Varela, “El negro jefe”
|
Con Varela y Ulloa
disque viaxou outro (terceiro) Varela, Jacobo Adrián Varela Suárez (Coruña,
1758) que, establecido en Buenos Aires -onde
participaría no Tercio Gallego que
defendéu esa capital da invasión inglesa-, fundou o máis ilustre clan Varela do
Río da Prata, no que, concretándonos á futura República Oriental, destacaron
seu fillo, o exiliado porteño Florencio Varela (de 1807) e, xa no Uruguai
independente, seus netos Jacobo (de 1841) e José Pedro Varela Berro (de 1845,
Crón. 6, ilustración), protagonistas da adiantada reforma uruguaia da educación
(universal, gratuita e laica).
Estamos xa inmersos
na demografía nativa americana.Vástagos de José Pedro, José Pedro (fillo, 1874)
e Jacobo (de 1876) Varela Acevedo, xurisconsultos e políticos; e sobriños, os
irmáns Vásquez Varela, Jacobo, arquitecto (de 1872) e Ramón, avogado e
político, por ese Vázquez descendentes daquel Manuel Vz. Senra (coruñés de 1752).
Outros Varela a
citarmos: o patriota Manuel Freire Varela (de 1792, galego por ambas partes) e
o saladerista Antonio Fariña Varela (A Coruña? c. 1801), e máis o presidente da
República, de triste sona, Pedro José Varela (de 1837, neto de español)
De intento deixamos para este tramo
case final a dous escuros irmáns Varela da Rama, de Bértoa-Carballo: Mateo (de
c. 1746) e Tomás (de c. 1751), arribados
a Montevideo, aquel casado na Coruña, este aínda solteiro, nunha das
famosas expedicións das familias, en 1782, indo daren a paraxes opostas tales
Minas (no leste) e San José (no oeste), fundadores desas vilas e xenearcas,
coas suas mulleres, de enorme descendencia.
Xa no século pasado temos máis
Varelas a nomear, quen sabe se algún deles (Wenceslao ou Carlos Manuel)
descendente dos dous galegos anteriores: Wenceslao Varela (de 1908, poeta e
narrador nativista), Severino e
Obdulio Varela, famosos futbolistas, ou Carlos Manuel Varela (1940-2015, de
actividade e creación dramática).
Severino Varela Puente (1913-1995),
multicampeón en ambas beiras do Prata, máximo goleador histórico na Copa
América, era fillo de pais galegos. “El Negro Jefe” Obdulio Jacinto [Muiños]
Varela (1917-1996) foi o lexendario capitán do team uruguaio no triunfo de Maracaná (1950), e traémolo aquí polo
seu galeguísimo apelido, a todas luces herdado de ancestros escravos (propiedade)
dalgún patrón Varela.
Brincadeira lusa ou brasileira: Se é varón, manda el e ela non; se é varela, ora manda el ora manda ela; se é varunca (home frouxo), manda ela e el nunca.
Outra
versión supostamente galega: Varón
(manda el, ela non), Varela (non manda el, manda ela) e Vareliña (manda o home…
na cociña).
Ningún comentario:
Publicar un comentario